Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
A poucos días do inicio das Festas do Apóstolo, o Concello de Santiago avanzou novas citas dunha programación que este ano incorpora como principal novidade un espectáculo de videomapping sobre a fachada do Pazo de Raxoi. Fogos artificiais desde distintos puntos da cidade, concertos na Quintana e as tradicionais actividades festivas completan, polo de agora, o calendario coñecido.
A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, deu conta en rolda de prensa dos últimos avances da programación. Entre as novidades destaca o videomapping, financiado co imposto de estadías turísticas que o Concello aplica desde outubro e cun orzamento duns 100.000 euros.
A proposta transformará o Pazo de Raxoi nun gran lenzo visual mediante unha combinación de creatividade, tecnoloxía e patrimonio. O espectáculo, de nove minutos de duración, poderá verse na praza do Obradoiro os días 24, 25 e 26 de xullo.
Na madrugada do venres 24 haberá pases cada quince minutos entre as 00.00 e as 2.00 horas. Nas noites do 25 e do 26, as proxeccións realizaranse entre as 23.00 e a 1.00 horas.
O percorrido narrativo xogará coa arquitectura do edificio a través de escenas nas que os muros semellarán construírse e derrubarse, mecanismos ocultos darán vida ao pazo e a natureza irrumpirá na fachada. A proposta evolucionará cara a universos de cor e fantasía, con texturas e reinterpretacións contemporáneas de elementos da tradición galega.
A música acompañará as imaxes ata un final con fogos artificiais virtuais que encherán a fachada de luz e cor. O espectáculo foi deseñado pola empresa Quatro Gatos e será proxectado por Art Music.
Os tradicionais fogos do Apóstolo lanzaranse o día 24, como xa ocorreu o pasado ano, de forma sincronizada desde tres localizacións. O espectáculo comezará ás 23.30 horas e terá puntos de tirada na Alameda, na escalinata das Fontiñas, no parque Carlomagno, e na Cidade da Cultura.
A distribución permitirá seguir os fogos desde diferentes zonas de Santiago. O día 31, coincidindo co final das festas, o espectáculo pirotécnico lanzarase desde a Alameda.
O servizo de deseño, produción, montaxe e realización dos fogos das Festas do Apóstolo foi adxudicado mediante un contrato bianual para os anos 2025 e 2026.
O venres 31 de xullo, as Festas do Apóstolo chegarán ao seu final cun concerto da banda galega The Rapants na praza da Quintana.
A programación musical coñecida inclúe tamén artistas internacionais como Lila Downs e Belém Tajes, que actuarán na noite do 24 de xullo, tamén na Quintana.
O programa manterá ademais citas tradicionais como os cabezudos e as orquestras na Alameda. A Festa Pícara celebrarase o día 23; as Xornadas do Folclore, o sábado 25; e o Día do Traxe Galego, o domingo 26. As atraccións instalaranse na Alameda desde o sábado 18.
A poucos días de que Santiago entre de cheo nas súas festas grandes, aínda quedan por coñecer algunhas das principais incógnitas do Apóstolo. Pilar Lueiro avanzou que a persoa encargada de pronunciar o pregón e o cartel completo das festas serán desvelados nos vindeiros días.
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)