Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
30 de outubro de 2025.- O Concello de Brión, en colaboración coa Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas, convoca o VII Premio Laudamuco para Textos Teatrais, o galardón teatral de maior dotación económica en Galicia: 7.000 euros e edición da obra gañadora a cargo de Edicións Positivas. Unha iniciativa que busca “incentivar e apoiar a dramaturxia en lingua galega e contribuír ao recoñecemento da figura e obra do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, por todo o que representou e representa para a nosa cultura en xeral e para Brión, en particular”, explica o alcalde brionés, Pablo Lago.
Poderán optar a este galardón autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten unha obra dramática inédita e nunca antes premiada, sempre que estea escrita en lingua galega. O tema e a extensión da obra son libres e o prazo de admisión de orixinais, que deben presentarse exclusivamente en formato dixital, rematará ás 23:00 horas do 30 de xaneiro de 2026.
Para participar, as persoas interesadas deberán enviar un correo electrónico a premiolaudamuco@concellodebrion.gal, indicando no “Asunto” o texto “VII Premio Laudamuco” e anexando dous arquivos: o texto da obra coa que se concursa en formato PDF (que levará o seguinte nome: “Título da obra e pseudónimo ou lema elixido”, e non poderá conter ningunha clase de sinatura ou identificación da autoría) e unha plica en PDF (co nome: “Plica. Título e pseudónimo ou lema elixido” e que conteña os seguintes datos: título, pseudónimo, lema e datos da autoría como nome completo, DNI, móbil, outros teléfonos, mail e breve currículo).
O xurado do premio estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito da arte teatral, proposto pola Academia Galega de Teatro. Actuará como secretario/a a persoa elixida por maioría entre os membros integrantes. Na proposta de resolución do xurado haberá unha única obra gañadora. Unha vez emitida a súa resolución, procederase á apertura da plica gañadora nun acto público que terá lugar na terceira semana do mes de abril. O veredicto do xurado, que poderá declarar deserto o premio, será inapelable.
Premiados
A entrega do Premio Laudamuco terá lugar o 16 de maio de 2026, no transcurso dun acto organizado polo Concello de Brión co gallo do 48 aniversario da posta en escena de Laudamuco, señor de ningures. E é que este premio toma o seu nome en homenaxe a Laudamuco, señor de ningures, obra de Vidal Bolaño estreada o 16 de maio de 1978 pola compañía Antroido e dirección de Eduardo Alonso, que supuxo o inicio da singradura profesional do teatro galego.
Nas súas anteriores edicións, este prestixioso galardón recaeu no zamorano Julio Fernández Peláez e o madrileño Alberto de Casso Basterrechea por “Vento mareiro non dá voltas” (2025); no gaditano José Luís Baños de Cos por “A porta. Un relato de violencia” (2024); o lucense Vicente Piñeiro por “Devólvenos a Xermánico” (2023); a teense Paula Carballeira Cabana por “Dentes de coello” (2022); o ribeirense Francisco Antonio Vidal Blanco por “A vinganza de Fortimbrás” (2021); no coruñés Raúl Dans Mayor por “Só un home bo” (2020); e no lucense Xavier Lama López por “Na miña alma ouvea un lobo” (2019).
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)