AD

Actualidad

Descartada a intencionalidade: a investigación sitúa a posible orixe do lume de Herbón nunha liña eléctrica

today15 junio, 2026

Fondo
share close
AD
  • O alcalde de Padrón confirma en Radio Líder Santiago a mellora da situación tras varios días de máxima preocupación, agradece o labor dos equipos de extinción e lamenta o impacto ambiental dun incendio que arrasou 350 hectáreas e obrigou a desaloxar arredor de 40 persoas.

O Concello de Padrón comeza a recuperar a normalidade tras varios días marcados pola tensión, a incerteza e o medo provocados polo incendio forestal que afectou ás parroquias de Herbón e Carcacía e que chegou a estenderse ao municipio de Teo. Así o confirmou este domingo o alcalde padronés, Anxo Arca, quen avanzou que o lume foi rebaixado de nivel 2 a nivel 1, un paso que evidencia a evolución favorable da emerxencia.

“A cousa mellorou. Durante toda a noite mellorou moito e a situación é moi tranquila”, explicou o rexedor durante unha entrevista radiofónica. Arca aclarou que aínda poden producirse pequenos focos de fume dentro do perímetro afectado, pero subliñou que “sen ningún tipo de risco para ningunha poboación”.

O alcalde destacou que durante toda a xornada do domingo e nas primeiras horas da mañá non se rexistraron lapas activas. “Todo o mundo pode recuperar a normalidade e podemos ir deixando atrás o medo que todos tivemos durante o venres e o sábado”, sinalou.

Un incendio complexo e moi preocupante

Arca repasou a evolución dun incendio que cualificou como especialmente complicado. Segundo explicou, o foco inicial rexistrado o venres en Herbón xerou unha enorme columna de fume visible desde numerosos puntos da comarca. A situación parecía controlada na mañá do sábado, pero a partir do mediodía produciuse unha importante reactivación do lume.

“O sábado foi un día realmente malo e moi preocupante”, recoñeceu o alcalde, lembrando que foi necesario evacuar á veciñanza de Cruxeiras debido á proximidade das lapas e á intensa concentración de fume.

En total, arredor de 40 persoas tiveron que abandonar temporalmente as súas vivendas. Inicialmente foi desaloxada a zona de Cruxeiras de Abaixo e posteriormente recomendouse tamén a saída dos residentes de Cruxeiras de Arriba debido ás dificultades para respirar provocadas pola densidade do fume.

“A última hora da noite do sábado xa puideron volver ás súas casas e agora poden facer unha vida normal”, indicou.

Máis de 500 persoas participaron na extinción

O incendio afectou finalmente unhas 350 hectáreas, unha cifra que se mantén estable desde as últimas horas ao non producirse novos avances do lume.

“Estamos falando dunha superficie realmente notable”, explicou Arca, detallando que o perímetro afectado abrangue aproximadamente 15 quilómetros.

A dificultade do operativo estivo marcada pola complicada orografía do terreo. O alcalde insistiu en que o problema non foi a falta de efectivos senón as condicións do territorio, que dificultaron tanto o acceso dos equipos como o traballo da maquinaria pesada.

“Contamos con moitos medios e o persoal desprazado traballou arreo”, afirmou.

O dispositivo mobilizou durante tres días a máis de 500 persoas procedentes de distintos puntos de Galicia, un esforzo colectivo que o rexedor quixo poñer especialmente en valor.

Investigación aberta sobre as causas

Respecto á orixe do incendio, Arca asegurou que as investigacións continúan abertas, aínda que as primeiras hipóteses apuntan a un posible problema relacionado cunha liña eléctrica.

“Ninguén está barallando a posibilidade de que fora intencionado”, asegurou. “Parece bastante claro que se puido xerar nunha vía de tendido eléctrico, pero serán os servizos de investigación os que determinen con claridade como foi”.

O alcalde insistiu en que, polo momento, non existen indicios que apunten a unha acción deliberada.

Coordinación institucional e agradecementos

Durante os días máis críticos mantívose unha comunicación constante entre os concellos afectados. Arca confirmou que estivo en contacto permanente coa alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, para coordinar actuacións e compartir información.

“Os dous estabamos moi preocupados”, admitiu.

O rexedor destacou tamén a colaboración entre administracións e o comportamento da cidadanía durante toda a emerxencia.

“A cidadanía padronesa comportouse en todo momento de xeito exemplar”, afirmou.

Ademais, trasladou o seu agradecemento aos efectivos de extinción, aos traballadores desprazados desde diferentes puntos de Galicia e á veciñanza afectada. “Todos quixeron botar unha man para poñer fin a esta situación tan terrible que tivemos que vivir”, destacou.

A ferida ambiental

A pesar da satisfacción pola ausencia de danos persoais e materiais de consideración, Arca lamentou profundamente as consecuencias ambientais do incendio.

“350 hectáreas supoñen unha perda de biodiversidade importantísima”, advertiu.

Especialmente emotivas foron as súas palabras ao referirse ao monte da Meda, un dos espazos naturais máis emblemáticos da contorna.

“O monte da Meda é o fondo de pantalla da nosa vida aquí en Padrón”, expresou. “Velo agora completamente negro e calcinado non deixa de ser unha tristeza”.

Con todo, o alcalde mostrouse optimista respecto ao futuro e comprometeuse a impulsar a recuperación da zona afectada.

“Imos facer todo o posible para que ese ecosistema se restaure o antes posible. Agora toca seguir adiante”, concluíu.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *