AD

Comarca

“Están intransitables”: O Pino impulsa unha denuncia conxunta contra o abandono das nacionais

today16 febrero, 2026

Fondo
share close
AD

O alcalde reivindica os investimentos do POS, conxela a taxa do lixo para evitar “unha salvaxada” aos veciños e impulsa vivenda pública, residencia de maiores e a promoción do Camiño Francés

O alcalde do Pino, Manuel Taboada, repasou en Radio Líder Santiago a actualidade municipal nunha entrevista marcada pola reivindicación, o balance de xestión e os proxectos de futuro. Nun contexto de fortes chuvias e co inicio do exercicio xa en marcha, Taboada debullou investimentos, explicou decisións polémicas como a conxelación da taxa do lixo e alzou a voz ante o que cualificou como “estado lamentable” das estradas nacionais que atravesan o municipio.

O rexedor comezou detallando a aprobación do Plan Provincial de Obras e Servizos (POS), que este ano rolda os 800.000 euros para o Pino. “Para o Concello é unha cantidade moi importante”, subliñou, explicando que arredor do 60% destinarase á conservación e mantemento da rede viaria municipal. “Máis que facer vías novas, temos que conservar o que temos para que os veciños non sufran as fochancas”, afirmou, defendendo unha política de prevención fronte ao deterioro acelerado polo mal tempo.

A taxa do lixo: “Antes que aplicar unha salvaxada, incumprimos o 100%”

Un dos momentos máis contundentes da entrevista chegou ao abordar a polémica taxa do lixo. O alcalde recoñeceu que o Concello decidiu non aplicar a subida que resultaría do estudo económico-financeiro. “Recibos de 123 euros pasaban a 800 ou 900. Era unha salvaxada”, asegurou.

Ante a obriga legal derivada da chamada “lei do tasazo”, Taboada foi claro: “Se non aplicabamos esa taxa tal como viña no estudo, incumpriamos. Pois para incumprir, incumprimos o 100% e punto, a ver que pasa”. O rexedor defendeu que a prioridade foi protexer ás familias: “Non podiamos trasladar esa carga aos veciños”.

Vivenda pública e residencia: compromisos antes de 2027

En clave de futuro, Taboada destacou a cesión de solo para promover entre 15 e 17 vivendas destinadas a facilitar o acceso á primeira residencia para xente nova. “Agora mesmo no Pino non hai oferta de vivenda nin privada nin pública”, advertiu.

Tamén avanzou os contactos coa Consellería de Política Social para impulsar a residencia de maiores, unha promesa electoral que quere ver iniciada antes de 2027. “Os programas electorais non están para escribilos nun papel e gardalos. Hai que cumprilos”, sentenciou. O emprazamento previsto estaría próximo ao centro de saúde e ao edificio sociocultural, nunha zona céntrica e ben comunicada.

O Camiño Francés, motor económico

O alcalde puxo en valor o peso do Camiño Francés como principal industria local. “A maior industria que temos é o Camiño”, afirmou, lembrando que entre o 46% e o 47% dos peregrinos que chegan a Compostela utilizan esta ruta.

No núcleo do Pedrouzo-Arca existen máis de 2.000 prazas de aloxamento para unha poboación que non chega aos 5.000 habitantes en todo o concello. “Hai máis prazas para pernoctar que veciños nese núcleo. Iso creouse grazas ao Camiño”, destacou, incidindo na importancia de coidar e promocionar a marca en feiras como Fitur.

Estradas nacionais: “É un estado lamentable”

O ton máis reivindicativo chegou ao falar das estradas N-634 e N-547, competencia estatal. “Están case no mínimo estado que poden estar. É lamentable”, denunciou. Segundo explicou, a resposta habitual ante as fochancas é “limitar a velocidade e poñer unha sinal. Esa é a reparación que fan”.

Taboada anunciou que buscará unha reclamación conxunta con outros alcaldes afectados: “Non é unha cuestión política, é unha cuestión de seguridade. Son usuarios nosos veciños”. Alertou de que a falta de mantemento está a provocar danos en vehículos e situacións de risco que non sempre transcenden aos medios.

Entroido con desfile polas rúas

No treito final da entrevista, o alcalde convidou á veciñanza a participar no Entroido, que este ano incorpora como novidade un desfile polas rúas. “Moitas comparsas traballan meses nos disfraces e metelos debaixo dunha carpa deslucía moito”, explicou. O percorrido será de arredor dun quilómetro, culminando na praza do Concello con festa ata a noite.

O Entroido é festa, e queremos facer un día grande para todo o mundo”, concluíu.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *