AD

Comarca

Esteban Ares García toma posesión como alcalde de Lousame

today18 septiembre, 2025

Fondo
share close
AD
  • Ares García asume a Alcaldía “con vocación de servizo público, porque así se debe exercer a política local, servindo aos teus veciños e veciñas, escoitándoos e abríndolles sempre as portas deste Concello”
  • Insta aos seus compañeiros de Goberno a “que as lousas que dan nome ao noso municipio nos sirvan de símbolo: firmes e sólidas, como debe ser o noso compromiso cos veciños”
  • Agradece á alcaldesa saínte, Teresa Villaverde, “a súa dedicación e entrega durante tantos anos. O seu traballo marcounos o camiño e déixanos un listón moi alto”

18 de setembro de 2025.- “Que as lousas que dan nome ao noso municipio nos sirvan de símbolo: firmes e sólidas como debe ser o noso compromiso cos veciños. Comeza unha nova etapa para Lousame. Fagámola xuntos, con ilusión, con traballo e coa confianza no futuro deste concello”. Con estas palabras remataba Esteban Ares García o seu discurso de toma de posesión como novo alcalde do Concello de Lousame, nun salón de plenos ateigado de veciños e veciñas e diante da súa familia máis directa, así como representantes do Partido Popular da Coruña como Diego Calvo e Evaristo Ben.

Tras xurar o seu cargo como alcalde e recibir o simbólico bastón de mando de mans da alcaldesa saínte, Teresa Villaverde, quen renunciara este martes ao cargo por motivos persoais, Esteban Ares asumiu esta nova responsabilidade “con gratitude, humildade e vocación de servizo público. Porque así se debe exercer a política local, servindo aos teus veciños e veciñas, escoitándoos e abríndolles sempre as portas deste Concello”.

Así, comprometeu que o equipo de Goberno traballará “para que Lousame siga a ser un referente na comarca en áreas como cultura, deporte, conciliación, voluntariado e servizos sociais. Traballaremos para que Lousame sexa un lugar mellor para vivir e para que cada veciña e cada veciño sinta orgullo de pertencer a este concello. Sen compararnos con ninguén, debemos estar orgullosos de ser de Lousame e defender esta terra”.

Continuidade e renovación

O novo alcalde apuntou que “hoxe Lousame abre unha etapa de continuidade, mais tamén de renovación. Continuidade porque mantemos o mesmo amor pola nosa terra, as mesmas gañas de servir e porque recoñecemos e coidamos o legado que recibimos. Renovación porque cada etapa trae a súa propia enerxía, a súa maneira de traballar e a súa propia mirada ao futuro”. Por iso, indicou que o seu equipo de Goberno comprométese a “respectar o camiño andado e, ao mesmo tempo, construír xuntos o que aínda está por vir”.

Así mesmo, tendeu a man á oposición par que “dentro das diferencias ideolóxicas, traballemos de maneira construtiva polo futuro deste concello. Sempre e cando as propostas sexan polo ben común dos veciños e deixemos as siglas partidistas a un lado, aquí terán vostedes unha persoa e un equipo co que dialogar”.

Agradecementos a Teresa Villaverde

Tras iniciar o seu discurso cun agradecemento persoal á súa muller e aos seus pais, presentes no salón de plenos, Esteban Ares agradeceu a confianza depositada polo PP, representado hoxe por Diego Calvo e Evaristo Ben, presidente e secretario xeral provinciais do Partido Popular. “A vosa presenza hoxe aquí é un respaldo que asumo con enorme responsabilidade. Sei que o Partido Popular sempre apostou por Lousame e me encargarei, xunto co meu equipo, de que Lousame non vos falle”, comprometeu.

Tamén tivo palabras para Teresa Villaverde, a quen agradeceu “a súa dedicación e entrega durante tantos anos. Un día recibíchesme cos brazos abertos e me afiliaches a este partido, a esta familia. Hoxe entrégasme o bastón de mando deste Concello. O teu traballo marcounos o camiño e deixounos un listón moi alto. O noso compromiso é claro: coidar e continuar ese traballo e, ao tempo, achegar a ilusión e a enerxía que require esta nova etapa, porque o obxectivo debe ser sempre mellorar aínda máis ese legado que recibimos”.

Ares García rematou a quenda de agradecementos cos seus compañeiros e compañeiras concelleiras: “grazas polo voso apoio, pola confianza e por animarme a dar este paso. Fagamos un equipo forte, que demostre que podemos superar o listón que nos deixaron, porque estou convencido de que somos capaces de conseguilo”.

A sesión plenaria extraordinaria celebrada este mediodía estivo presidida pola segunda tenente de alcaldesa, Silvia Agrafojo, toda vez que o alcalde en funcións era candidato á alcaldía. Os voceiros do PSdeG, Juan José Prego, e do BNG, Anxo Moledo, presentaron tamén as súas candidaturas polo que tras a votación, a lista quedou como segue: Anxo Moledo 1 voto, Juan José Prego 4 votos e Esteban Ares 6 votos, polo que procedeu a xurar o seu cargo sobre a Constitución e a recibir o bastón de mando de mans da alcaldesa saínte, Teresa Villaverde, quen unha vez rematada a sesión presentou a súa renuncia tamén á acta de concelleira. Un escrito do que tomará coñecemento o Pleno na súa sesión ordinaria do vindeiro 26 de setembro.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *