Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today27 abril, 2026
A música non só forma parte dos recordos ou dos momentos importantes, senón que tamén pode converterse nunha ferramenta clave para o aprendizaxe ao longo de toda a vida. Así o defende Esther Sobral, pedagoga musical, pianista e directora de Tratalenca, quen pasou polos micrófonos de Radio Líder Santiago para reflexionar sobre o papel que xoga a música no desenvolvemento cognitivo e emocional.
Durante a conversa, Sobral destacou que “a música acompáñanos ao longo de toda a nosa vida e conecta co que sentimos e coa forma na que aprendemos”, unha idea que resume o seu enfoque. Porque, como explica, aprender vai moito máis alá de memorizar contidos: “aprender non é só estudar: ten que ver coa atención, coa memoria e coa emoción”.
A súa relación coa música comezou xa na infancia, nun entorno no que o canto estaba moi presente. “Miña nai cantaba todo o día, miña madriña, miña tía… e meu avó era músico”, lembra. Unha conexión que se foi fortalecendo co paso dos anos e que xa de pequena se manifestaba de forma creativa: “inventaba cancións para a miña irmá cando saíamos a pasear”.
Co tempo, esa paixón converteuse nunha vocación que mantén intacta tras máis de catro décadas de docencia. “Sempre hai que seguir aprendendo, nunca sabemos o suficiente”, sinala, insistindo na necesidade de adaptarse e seguir formándose.
A experiencia tamén lle permitiu chegar a unha conclusión clara sobre o ensino e a interpretación musical: non abonda con facer as cousas ben desde o punto de vista técnico. “Moitas veces confundimos tocar ben con transmitir”, explica, lembrando que detrás de cada peza hai unha emoción que é a que realmente conecta co público.
Ese xeito de entender o ensino está na base de Tratalenca, un proxecto que nace oficialmente en 2020 e que se sitúa en Área Central (local 17-G), na coñecida esquina vermella. Un espazo no que o aprendizaxe vai máis alá da música e se entende como un proceso global.
O nome responde a tres ideas clave: traballo, talento e cariño. “O talento sen traballo acaba desaparecendo”, advirte Sobral, quen aposta por un ensino personalizado, en grupos reducidos e cunha relación próxima coas familias, baseada no coñecemento de cada alumno e no respecto polos seus ritmos.
O centro acolle alumnado de todas as idades, dende bebés de apenas catro meses ata persoas adultas. Nos máis pequenos, a través de programas de estimulación temperá, trabállanse aspectos como a atención, a coordinación, o vínculo ou o desenvolvemento sensorial. A evolución, explica, é moi rápida e visible en pouco tempo.
A medida que medran, os nenos e nenas continúan aprendendo a través do xogo e da música, incorporando instrumentos e dinámicas de grupo. “Non son actividades dedicadas exclusivamente á música, senón a capacidades que servirán para calquera aprendizaxe”, subliña.
Ademais, Tratalenca ofrece formación con instrumentos como piano, ukelele ou percusión, así como programas de estimulación cognitiva baseados na musicoterapia, dirixidos especialmente a persoas maiores ou a quen precisa reforzar determinadas habilidades.
No caso das persoas adultas, Sobral destaca que moitas chegan “con moitísimas gañas”, esforzándose e superando medos que, en moitos casos, levaban anos arrastrando. “Nunca é pronto nin tarde para aprender”, insiste, reivindicando a importancia de dar o paso.
O proxecto complétase co acompañamento a alumnado e familias a través do coaching educativo. Neste ámbito, Sobral subliña a importancia da motivación e da organización no proceso de aprendizaxe: “a motivación debe ser intrínseca, debe saír da persoa”, mentres que unha boa planificación resulta clave para evitar bloqueos.
Na actualidade, Tratalenca está en plena matrícula para o vindeiro curso, mantendo a súa filosofía de ensino baseada nun equilibrio entre esixencia, respecto e emoción.
En definitiva, un proxecto que entende o aprendizaxe como un proceso vivo e en constante evolución, no que a música se converte nunha ferramenta para medrar, expresarse e conectar cos demais.
Escrito por Líder Redacción
area central escuela de musica Esther Sobral musica Santiago de Compostela tratalenca



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)