AD

Comarca

A Estrada alcanza os 20.103 habitantes segundo o INE mentres que o padrón sinala 20.222

today21 marzo, 2025

Fondo
share close
AD
  • Existe unha discrepancia de 119 habitantes entre a cifra do padrón municipal e a comunicada polo INE, unha “diferenza habitual” ante a que a administración estradense está en proceso de alegación.
  • O dato que baralla o Concello é de 20.222 veciños, polo que a diferenza será agora analizada en profundidade para confrontar rigorosamente os datos antes do peche definitivo do censo oficial.
  • Os cambios de domicilio continúan sendo a principal razón tanto para as altas como para as baixas, sendo A Estrada un concello con elevada mobilidade residencial.

A Estrada, 21 de marzo de 2025.- O departamento municipal de Reto Demográfico analizou hoxe os datos que o Instituto Nacional de Estatística (INE) fixo chegar ao Concello da Estrada, os últimos oficiais en número de habitantes que baralla para este municipio pontevedrés. Dende a concellaría que dirixe Manuel Magariños detallouse que o INE totaliza 20.103 veciños, namentres que a poboación rexistrada polo Concello, tras a depuración do padrón de 2024, ascende a 20.222.

Existe, polo tanto, unha discrepancia de 119 habitantes entre o padrón estradense e a cifra comunicada polo INE, situación que suscita que agora sexa a administración municipal a que exercite a quenda de alegacións. “Esta diferenza é habitual en procesos de revisión anual e require unha análise específica antes do peche definitivo do censo oficial”, indicou Magariños. Explicou que o Concello está agora en proceso de confrontación de datos ante o INE para clarificar a diferenza constatada e asegurar a precisión das cifras oficiais definitivas.

Tras depurar o padrón do exercicio 2024, o padrón do Concello da Estrada tiña rexistrada unha poboación de 20.222 veciños, a razón de 9.742 homes (48,18%) e 10.480 mulleres (51,82%). Tendo en conta que o dato oficial aportado polo INE resta 119 persoas a este reconto demográfico, a administración local ten agora ata o próximo 9 de abril para validar ou corrixir a cifra proporcionada polo instituto estatal mediante a presentación das actas correspondentes.

Dende Reto Demográfico aportouse hoxe unha análise da dinámica poboacional rexistrada no municipio estradense no período 2023-2024. Segundo os datos que constan no Concello, tras un saldo positivo de 52 persoas en 2023, o exercicio 2024 deixou 740 altas e 745 baixas, cunha diferenza de só 5 persoas que amosa unha tendencia bastante equilibrada. De feito, en 2023 contabilizáronse na Estrada un total de 103 nacementos e 268 falecementos, mentres que en 2024 foron 101 as incorporacións ao padrón por nacementos e 267 as baixas por defuncións. Os datos evidencian cifras moi parellas.

Moita mobilidade

Ao fío disto, a análise cualitativa da dinámica demográfica amosa unha mobilidade residencial que continúa sendo o principal factor diferencial para as altas e as baixas, superando o 80% dos casos no tocante ás altas no censo. Isto tradúcese en que A Estrada é un municipio cunha elevada mobilidade. Máis polo miúdo, en 2024 o censo municipal rexistrou 625 altas (o 84,5% do total) de persoas que cambiaron a súa residencia e se afincaron no municipio estradense.

Outro elemento clave é o saldo vexetativo negativo, superando o número de falecementos amplamente os nacementos. Porén, a dinámica negativa no crecemento natural da poboación está moi lonxe de seren un fenómeno local, encadrándose A Estrada nunha tendencia xeralizada.

En conclusión, dende o citado departamento municipal asúmese que o Concello da Estrada afronta retos claros derivados da tendencia ao envellecemento e dunha leve pero persistente tendencia ao despoboamento. “A poboación feminina mostra maior vulnerabilidade á emigración no último ano analizado”, explica Magariños, sinalando que en 2024 o saldo de mulleres foi especialmente negativo (-25), fronte ao saldo positivo de varóns (+20).

Agora, Reto Demográfico centrarse en presentar “alegacións rigorosas” antes do vindeiro 9 de abril ante o Instituto Nacional de Estatística para garantir que a cifra oficial final atope correspondencia coa realidade municipal.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *