AD

Actualidad

Éxito rotundo da II Papanoelada de Arzúa pese ao frío e á chuvia

today22 diciembre, 2025

Fondo
share close
AD

Arzúa, 22 de decembro de 2025.- A II Papanoelada de Arzúa, organizada pola Concellería de Turismo do Concello de Arzúa e coordinada por Begoña Balado, celebrouse onte cun importante éxito de participación, malia as baixas temperaturas e a presenza intermitente da chuvia durante toda a mañá.

A xornada, pensada para desfrutar en familia e cun marcado ambiente de Nadal, deu comezo ás 10:00 horas coa papanoelada cicloturista. Un primeiro percorrido de 16 quilómetros no que non faltaron o bo ambiente, o deporte, a ilusión e a convivencia, con numerosos participantes caracterizados con motivos navideños.

A continuación tivo lugar a xincana infantil, que percorreu varias das principais rúas do casco central de Arzúa. Nesta actividade participaron moitos nenos, nenas e xente moza, sempre acompañados das súas familias, enchendo o centro da vila de diversión, risas e espírito festivo.

“Para ser a segunda edición, estamos moi satisfeitos. Contamos co apoio e co respaldo dun montón de familias e de veciños e veciñas, que nin o frío nin a chuvia impediron que participasen nesta cita”, sinalou Begoña Balado.

Para poñer o broche final e entrar en calor, a organización ofreceu chocolate quente e biscoito para todas as persoas asistentes e participantes na praza de Galicia, convertendo este peche nun momento de encontro e celebración compartida.

A xornada tivo tamén un marcado carácter humano e solidario. Aproveitando este día festivo de Nadal no Concello de Arzúa, a concelleira de Turismo, Begoña Balado, visitou a residencia de maiores San Xosé de Arzúa, onde levou un rico biscoito para compartir coas persoas usuarias e co persoal do centro. Un xesto cheo de agarimo que foi recibido con sorrisos e agradecementos.

“É unha iniciativa que chegou para quedar e que repetiremos, porque demostra que Arzúa responde cando se propoñen actividades pensadas para compartir en familia e vivir o Nadal xuntos”, engadiu.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *