Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
• A conselleira de Política Social e Igualdade mantivo unha reunión de traballo co alcalde, Manuel Taboada, para abordar as melloras no Servizo de Axuda no Fogar
• O rexedor destaca o «respiro económico» que supón para as arcas municipais o novo pacto entre Xunta e Fegamp
O Pino. 10-3-2026.- A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, mantivo hoxe unha reunión de traballo co alcalde do Pino, Manuel Taboada, para abordar as melloras no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un recurso esencial para a atención ás persoas maiores e dependentes.
Durante o encontro, a conselleira avanzou que os concellos interesados poderán adherirse formalmente ao incremento do financiamento deste servizo desde finais de marzo, unha vez que se publique a nova orde que actualizará o módulo de financiamento do SAF.
Segundo explicou, está previsto que esta orde se publique no Diario Oficial de Galicia (DOG) na semana do 23 de marzo. A partir dese momento, as administracións locais disporán dun prazo dun mes para presentar a solicitude formal de adhesión, un trámite que terá efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2026. Un dos aspectos clave desta medida é precisamente o seu carácter retroactivo, que permitirá que os concellos poidan cubrir os gastos derivados deste servizo esencial desde o inicio do presente exercicio.
Durante a reunión tamén se analizou o impacto que terá este acordo no Concello do Pino. Neste sentido, a conselleira lembrou que o pacto acadado entre a Xunta de Galicia e a Fegamp supón un incremento do 50 % na achega do Goberno galego ao SAF, o que permitirá elevar progresivamente o prezo por hora do servizo dos 12 euros actuais ata os 18 euros.
No caso do Pino, esta medida traducirase nun incremento de máis de 400.000 euros nos próximos tres anos, polo que a achega da Xunta a este servizo municipal alcanzará 1,4 millóns de euros ata o ano 2028.
O alcalde Manuel Taboada amosouse moi satisfeito co anuncio e quixo agradecer persoalmente á conselleira o compromiso co municipalismo. O rexedor destacou que este apoio é vital xa que “supón un respiro moi grande para as arcas municipais”, ao contribuír a sufragar un servizo de alto custo para a administración local.
Ademais, cualificou a medida como un “acerto”, ao considerar que o reforzo do SAF permitirá seguir mellorando a atención ás persoas maiores no seu propio entorno. “Todo o que se faga polos nosos maiores é estar no bo camiño e sempre será moi benvido”, asegurou.
Escrito por Líder Redacción
fabiola garcia o pino politica servizo de axuda no fogar sociedade



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)