Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today21 enero, 2026
• Fabiola García estivo acompañada polo alcalde, membros do equipo de goberno e o director xeral de Maiores
• Manuel Taboada resaltou que o Concello vai aforrar máis de 100.000 euros anuais coa nova achega da Xunta ao Servizo de Axuda no Fogar
O Pino. 21-1-2026.- O alcalde do Pino, Manuel Taboada, amosoulle esta mañá á conselleira de Política Social, Fabiola García, a parcela que o Concello mercou fronte ao centro e saúde de Arca para construír unha residencia de maiores de 100 prazas. Tamén participaron na visita o director xeral de Maiores e Asistencia Sociosanitaria, Antón Acevedo, e membros do goberno local.
O alcalde do Pino agarda que a Xunta poida concederlle este ano a financiación para construír unha residencia de maiores con 100 prazas. Manuel Taboada xa entregou na Consellería o anteproxecto para un edificio de 1.265 metros cadrados útiles, en dous andares, que se levantaría na parcela que está situada fronte ao centro de saúde, a casa de cultura e o CPI Camiño de Santiago.
Durante a visita, Manuel Taboada agradeceulle á conselleira o acordo acadado onte coa Federación Galega de Municipios e Provincias polo que a Xunta incrementará a súa financiación do Servizo de Axuda no Fogar. “Só este ano o Concello do Pino pode aforrar máis de 100.000 euros para financiar o SAF, un aforro que nos vindeiros anos será aínda maior”, recoñeceu o alcalde.
Fabiola García puxo en valor o acordo acadado coa Fegamp sobre o SAF e sinalou que a nova achega da Xunta, que aumentará progresivamente ata chegar aos 18 euros por hora en 2028, implica unha suba do 50% nesta lexislatura e supón duplicar a contía que se achegaba en 2020.
A conselleira destacou que este “acordo histórico”, o segundo pacto de lexislatura alcanzando coa Fegamp en cinco anos, permitirá reforzar un servizo que xestionan os concellos e a través do que reciben atención profesional nos seus fogares 23.000 galegas e galegos en situación de dependencia. Neste sentido, destacou que a través deste pacto a Xunta pasará de financiar dos 12 euros a hora, directamente aos 16 euros hora neste 2026; aos 17 euros hora no 2027 e a 18 euros hora no 2028. Deste xeito, a Xunta subirá a súa achega nun 50% nesta lexislatura.
Na súa intervención, a conselleira fixo fincapé en que este esforzo orzamentario da Xunta “ten como obxectivo compensar o impacto” que esta xestión supón para os concellos e “contrasta coa actitude mantida polo Goberno central”, que, segundo denunciou, “non só non achega máis financiamento, nin para este servizo nin para a atención á dependencia, senón que introduce máis obrigas ás administracións locais”. Nesta liña, fixo fincapé na necesidade de que o Executivo central “cumpra coa lei de dependencia” e achegue o 50% do financiamento, unha situación que provoca que a débeda con Galicia acade este ano os 2.900 M€.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)