AD

Comarca

Familias e profesorado do CEIP Ana María Diéguez, en Asados (Rianxo), alertan da falta de recursos

today17 septiembre, 2025

Fondo
share close
AD

O claustro de profesorado do CEIP Ana María Diéguez, en Asados (Rianxo), fixo público un escrito no que manifesta o seu apoio ás reivindicacións trasladadas pola ANPA Fonte da Revolta, centradas na preocupación pola falta de recursos humanos para atender ao alumnado.  O profesorado, que asegura coñecer de primeira man a realidade das aulas, subliña que esta preocupación é “plenamente xustificada”.

Na súa declaración, lembran que a situación non é nova, xa que levan anos reclamando máis recursos, pero seguen atopándose cun “horario tensionado” no que o profesorado vese obrigado a asumir funcións de especialistas. “Esta dinámica non só reduce a calidade da nosa acción titorial, senón que tamén deixa sen resposta adecuada as necesidades reais dos alumnos que máis apoio precisan”, denuncian.

Segundo explican, xa no curso pasado quedou patente a insuficiencia das sesións de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL), que apenas cubrían a metade da demanda, así como a falta de cobertura do departamento de orientación. Para este novo curso, engaden, a situación agrávase coa incorporación de novo alumnado con necesidades especiais, a variación dalgúns diagnósticos que requiren máis apoio e a perda dunha docente en dispoñibilidade horaria pola supresión dunha unidade en Infantil.

O claustro lembra tamén que o Acordo de mellora asinado en 2024, que incluía medidas como a baixada de ratios e a redución de horas lectivas, non se está a cumprir de maneira efectiva, o que “agrava a situación que denunciamos”.

Por todo isto, reclaman con urxencia a asignación dun mestre ou mestra de Audición e Linguaxe a tempo completo, doutro de Pedagoxía Terapéutica a tempo completo e dun docente de primaria que permita organizar o desdobre de 5º curso. Consideran que estas medidas son imprescindibles para garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade, tal e como recolle a lexislación vixente.

Finalmente, o profesorado quixo agradecer ás familias “a súa firmeza e valentía nesta loita, que tamén é nosa”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *