Un accidente rexistrado na tarde deste martes na autovía do Barbanza, a AG-11, saldouse con tres persoas feridas —unha muller e os seus dous fillos— e coa fuxida dos ocupantes doutro vehículo implicado. O sinistro produciuse á altura do concello da Pobra do Caramiñal.
Segundo informou o 112 Galicia, varias chamadas de particulares alertaron do choque, o que activou un amplo operativo de emerxencias no que participaron os servizos sanitarios do 061, os bombeiros de Ribeira e Boiro, a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local e Protección Civil.
Ao chegar ao lugar, os equipos de intervención comprobaron que non había persoas atrapadas. Un dos coches quedara atravesado e encaixado na barreira de seguridade, sen ocupantes no seu interior, xa que estes abandonaran o lugar tras o impacto. A pesar diso, foi necesario empregar material de excarceración para cortar parte da carrocería e permitir a súa retirada cun guindastre.
No outro vehículo viaxaban a nai e os seus dous fillos, que foron atendidos polos servizos sanitarios e trasladados ao Hospital do Barbanza para unha avaliación médica máis completa. A Garda Civil investiga agora as circunstancias do accidente e a identidade das persoas que fuxiron do lugar.



Comentarios de las entradas (0)