Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today2 febrero, 2025
A Estrada avanza con forza baixo a dirección do seu alcalde, Gonzalo Louzao, quen, tras nove meses á fronte do Concello, fai balance da súa xestión en Radio Líder Santiago. No seu discurso, destaca os proxectos estratéxicos en infraestruturas, vivenda, servizos sociais e dinamización económica, sempre co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos veciños.
«Temos que transformar A Estrada sen perder a esencia dun concello próximo á súa xente», afirma Louzao, quen defende unha política baseada na planificación e no traballo constante.
O alcalde considera a mobilidade unha prioridade e destaca o avance da autovía, que en 2025 chegará ao límite do concello. «É un paso fundamental para atraer empresas, mellorar o emprego e facilitar o día a día da veciñanza», asegura.
Tamén pon o foco nas comunicacións no rural, tanto a nivel de infraestruturas viarias como de conectividade dixital: «Non podemos permitir que a falta de fibra óptica ou de estradas en bo estado sexa unha barreira para o desenvolvemento do noso concello».
Outro eixo da súa xestión é a vivenda. Louzao confirma que o Concello traballa con a Xunta de Galicia para a creación de vivenda pública a prezo razoable e anuncia bonificacións fiscais para facilitar a construción. «Queremos que vivir na Estrada sexa unha opción atractiva para moita máis xente», sinala.
O rexedor recalca a importancia de estar en contacto coa cidadanía: «O 80 % do meu tempo dedícollo a atender aos veciños. Desde grandes proxectos ata pequenas peticións como unha farola fundida ou unha beirarrúa en mal estado, todo conta».
Louzao recoñece que esta atención individualizada require un esforzo constante, pero considérase un alcalde próximo e accesible: «A política local ten que ser cercana; a xente debe saber que estamos aquí para escoitalos».
A preocupación polos servizos sociais tamén ocupa un lugar destacado na súa axenda. Louzao anuncia a construción dun novo edificio para servizos sociais, que permitirá ampliar a oferta actual con programas como Atención Temperá e Banco de Alimentos.
«Non podemos permitir que ningunha familia quede desatendida. Os servizos sociais teñen que ser unha prioridade para que A Estrada sexa un concello xusto e igualitario», asegura.
A Estrada quere ser un referente no eido cultural e turístico. Louzao destaca a importancia de eventos culturais e artísticos, así como a aposta polo turismo rural e sustentable. «Temos un potencial enorme. A xente busca espazos auténticos e a nosa terra ofrece natureza, gastronomía e historia», subliña.
Tamén salienta o papel do deporte como motor de benestar e desenvolvemento local. «A nova pista de atletismo é unha das mellores de Europa, e queremos seguir potenciando instalacións deportivas que favorezan a actividade e a convivencia», explica.
Sobre a súa continuidade na política local, Louzao ten claro que «ser alcalde da Estrada é un luxo e un orgullo». Asegura estar cómodo no cargo e afirma que a súa prioridade non é a ambición política, senón seguir traballando para transformar o concello: «O importante non é onde esteas, senón o que consigas facer para mellorar a vida da xente».
O alcalde pecha a entrevista con optimismo: «O noso reto é seguir avanzando. Con traballo e planificación, podemos conseguir unha Estrada con máis oportunidades, máis servizos e máis calidade de vida».
A entrevista completa, no seguinte enlace.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)