Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
• A veciñanza respondeu masivamente á campaña municipal, que continuará ata o 3 de decembro ou esgotar existencias
• A alta participación reforza o apoio ao comercio local, con 65 negocios participantes na campaña
Padrón. 1-12-2025.- O Concello de Padrón iniciou hoxe o reparto dos Bonos Padrón na planta baixa da Escola Municipal de Música, unha campaña municipal destinada a impulsar o consumo local durante a campaña de Nadal. A resposta da veciñanza foi moi elevada desde primeira hora da mañá, e ás 15.00 horas xa se repartiran 700 bonos, unha cifra que confirma o interese cidadán nesta iniciativa.
Ao peche da primeira xornada o balance foi aínda máis positivo: 1.258 bonos retirados dos 2.000 dispoñibles, unha cifra que confirma o éxito do programa e a alta participación da veciñanza.
Ao longo da xornada, o alcalde, Anxo Arca, acompañado das concelleiras Chus Campos e Laura Horta, visitou o punto de entrega para comprobar o desenvolvemento do reparto e o ritmo continuo de afluencia. A pesar dalgúns momentos de espera, o proceso desenvolveuse con axilidade e normalidade, atendéndose sen incidencias todas as solicitudes presentadas.
O reparto continuará ata esgotar os 2.000 dispoñibles, cun prazo máximo de reparto ata o mércores 3 de decembro, en horario ininterrompido de 11.00 a 18.00 horas. Lémbrase que para retirar os bonos é imprescindible presentar o DNI físico e que cada persoa empadroada pode obter ata dúas unidades.
A campaña conta cunha ampla participación do tecido empresarial local, con 65 establecementos adheridos, entre comercios, hostalaría e aloxamentos. Os bonos, cun valor de desconto de 10 euros en compras iguais ou superiores a 20 euros, poderán empregarse ata o 31 de decembro nos negocios participantes.
O obxectivo desta iniciativa é favorecer a dinamización comercial do municipio durante o Nadal, apoiar ás empresas locais e ofrecer á veciñanza un incentivo directo para realizar as súas compras no comercio de proximidade.
Para máis información, a relación completa de establecementos adheridos e as condicións de uso dos bonos poden consultarse en bonospadron.gal e na web municipal.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)