Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today14 noviembre, 2025
Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2025. O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, advertiu hoxe de que varios dos compromisos incluídos nos acordos orzamentarios de 2024 e 2025 “seguen sen cumprirse”, tras a reunión mantida co Goberno local para valorar o estado de execución dos pactos.
Guinarte subliñou que para as e os socialistas “é fundamental facer un seguimento dos acordos asinados, porque o importante é que os compromisos aí asumidos se fagan realidade e poidan contribuír a mellorar a vida da xente”. Con todo, lamentou que “hai algúns ámbitos nos que os acordos aínda están pendentes de cumprirse”.
Retrasos en áreas estratéxicas: transporte, auga e vivenda
O voceiro socialista puxo o foco nos atrasos en cuestións estruturais para a cidade. No caso do transporte urbano, explicou que “o acordo asumido no seu día vai con evidente retraso, porque aínda non se terminaron os trámites para a licitación dese contrato”, pese a ser unha das principais apostas incluídas no pacto orzamentario.
En materia de ciclo integral da auga, Guinarte advertiu de que “o mesmo pasa co tema da xestión”, sinalando que a lentitude na tramitación está a afectar un servizo esencial e con impacto directo sobre os fogares composteláns.
Vivenda e urbanismo: compromisos sen cumprir
Guinarte tamén fixo referencia á falta de avances nun dos proxectos cualificados polo Goberno como prioritarios: “o compromiso de poñer en marcha unha empresa municipal de vivenda está aínda adiado”, afirmou, incidindo na importancia desta ferramenta para mellorar o acceso á vivenda na cidade.
Educación e deporte: actuacións pendentes
No ámbito educativo e deportivo, o veceiro destacou que “algúns compromisos importantes como a cuberta do pavillón do CEIP de Fontiñas ou a reforma integral do pavillón do CEIP Lamas de Abade tampouco se cumpriron”.
Tamén lamentou que proxectos comprometidos como o “complexo deportivo de Santa Marta” non teñan iniciado nin os seus trámites básicos.
As e os socialistas reclaman responsabilidade e avances reais
Guinarte insistiu en que o PSdeG non está en disposición de abrir a negociación dos orzamentos de 2026 mentres non se execute o xa pactado:
“para nós, insisto, é importante, moi importante o cumprimento dos acordos antes de poñernos a negociar novos acordos”.
O voceiro socialista concluíu asegurando que o grupo municipal “seguirá vixiante de que estes acordos que aínda non se fixeron efectivos, pois o Goberno municipal traballe neles para, canto antes, poder resolver os atrancos que poidan ter e que sexan unha realidade”.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)