AD

Actualidad

Julián Bustelo confía en aprobar o PXOM de Rianxo antes do verán de 2027 tras conseguir o aval de Costas

today27 noviembre, 2026

Fondo
share close
AD

O alcalde destaca en Radio Líder Santiago a incorporación do municipio á rede de Pobos Máxicos de España, reivindica o labor da Policía Local e reclama á Xunta unha revisión dos novos servizos de transporte público no Barbanza.

O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, anunciou nos micrófonos de Radio Líder Santiago un importante avance na tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) tras conseguir o informe favorable da Dirección Xeral de Costas do Estado, o último dos informes pendentes antes de encarar a aprobación definitiva do documento. O rexedor amosouse convencido de que o municipio poderá contar coa nova ferramenta urbanística a mediados de 2027 ou mesmo antes, logo de anos de tramitación e dificultades administrativas.

«Conseguimos por fin o informe favorable de Costas», salientou Bustelo, quen explicou que o Goberno municipal tivo que desenvolver un intenso traballo técnico e xurídico para reverter un primeiro pronunciamento desfavorable. O alcalde lembrou que a controversia arredor da Lei do Litoral de Galicia atrasou a emisión do informe e que as condicións inicialmente formuladas por Costas comprometían a continuidade da tramitación do planeamento.

«Conseguimos poñer enriba da mesa estes argumentos e conseguimos que ese informe sexa agora favorable», explicou o rexedor, que considera o PXOM unha ferramenta imprescindible para o desenvolvemento do municipio. «É unha folla de ruta fundamental», afirmou, incidindo na seguridade xurídica que achegará tanto aos proxectos municipais como ás iniciativas particulares de veciños que agardan pola aprobación definitiva para construír as súas vivendas e establecerse en Rianxo.

Rianxo incorpórase á rede de Pobos Máxicos de España

Outro dos asuntos abordados durante a entrevista foi a recente incorporación de Rianxo á rede de Pobos Máxicos de España, un recoñecemento que Bustelo enmarca na estratexia municipal de promoción turística e posta en valor dos recursos propios da localidade.

O alcalde destacou que esta distinción avala aspectos como o patrimonio natural e cultural, a gastronomía e os servizos do municipio, elementos que o Concello está «empeñado en conservar e mellorar». Como exemplo deste compromiso, puxo a recuperación da escultura da Virxe de Guadalupe, empregada no anuncio da incorporación de Rianxo á rede.

Bustelo reivindicou tamén a importancia de proxectar unha imaxe positiva do municipio máis alá das súas fronteiras. «Sobran elementos para falar en positivo do traballo que se vén facendo», asegurou, aínda que recoñeceu a existencia de cuestións pendentes e erros sobre os que seguir traballando. Ao seu xuízo, esa percepción positiva contribúe non só a atraer visitantes, senón tamén a captar novos proxectos empresariais e de vida.

Recoñecemento á Policía Local pola loita contra a violencia de xénero

O rexedor expresou igualmente a súa satisfacción pola distinción honorífica concedida ao Concello de Rianxo no marco dos premios Meninas, outorgados pola Delegación do Goberno en recoñecemento ao labor desenvolvido na loita contra a violencia de xénero.

Bustelo puxo en valor o traballo do equipo da Policía Local integrado no sistema VioGén, destacando tanto a súa dedicación como o esforzo continuo de formación para mellorar a atención e a protección das vítimas.

«Non só fai un traballo fantástico, senón que ademais fai un esforzo enorme por formarse diariamente», manifestou o alcalde, quen reivindicou a importancia dun labor que, pola propia natureza das intervencións, permanece habitualmente afastado da esfera pública.

«Moitas veces, como non se fala delas, pensamos que nos nosos concellos non pasan cousas que teñen que ver con isto. Pero pasan», advertiu Bustelo, subliñando que estas actuacións resultan fundamentais para garantir a seguridade das mulleres afectadas. O rexedor cualificou a distinción como un orgullo e un estímulo para que os profesionais continúen mellorando o seu traballo neste ámbito.

Malestar polos cambios no transporte público do Barbanza

A posta en marcha dos novos servizos de transporte público por estrada centrou tamén parte da conversa. Julián Bustelo amosou a súa preocupación polas consecuencias que a nova concesión está a ter para numerosos usuarios de Rianxo, especialmente pola perda de liñas, paradas e conexións desde o núcleo urbano.

«Hai cousas que cambiaron, pero hai outras que cambiaron tamén, pero que cambiaron a peor», advertiu o alcalde, quen lamentou que parte da veciñanza teña que desprazarse ata Ponte de Té para acceder ás conexións con Santiago de Compostela.

Bustelo lembrou que os alcaldes do Barbanza trasladaran á Xunta unha proposta conxunta para mellorar a articulación do transporte público na comarca antes da entrada en funcionamento da nova concesión. Aínda que recoñeceu que algunhas das súas achegas foron incorporadas, insistiu na necesidade de corrixir as deficiencias detectadas.

«Non pasa nada por dicir que as cousas se fan ben e que se aceptan as propostas que se fan», apuntou, matizando que tamén hai cuestións que deben revisarse. Neste sentido, avanzou que os tres alcaldes do Barbanza, xunto coa alcaldesa de Ribeira, remitiron un escrito á Xunta solicitando unha reunión para analizar os problemas e buscar solucións conxuntas.

Traballo conxunto co PSOE de cara ás municipais

En clave política, Bustelo referiuse ao entendemento entre Rianxo en Común e o PSdeG-PSOE de cara ás eleccións municipais de maio de 2027. O alcalde explicou que, tras o anuncio da súa candidatura baixo as siglas socialistas, ambas as formacións iniciaron unha dinámica de colaboración mediante reunións periódicas.

«A día de hoxe non formo parte orgánica do PSOE», aclarou o rexedor, quen asegurou que a súa prioridade continúa sendo a xestión municipal e o traballo diario á fronte do Concello.

O obxectivo destas xuntanzas pasa por definir unha estratexia compartida para os últimos meses do mandato e sentar as bases do que podería ser a próxima etapa política no municipio. «Niso estamos, normalizando as relacións e traballando xa da man», resumiu.

Un Nadal con ilusión, pero sen excesos

Por último, Julián Bustelo confirmou que Rianxo inaugurará a súa iluminación de Nadal o próximo 5 de decembro, cunha aposta pola incorporación progresiva de novos elementos decorativos, a reutilización de materiais e unha programación especialmente orientada á infancia e á conciliación familiar.

Fronte á competencia entre municipios por ofrecer as decoracións máis espectaculares, o alcalde defendeu un modelo sustentado na prudencia económica e na responsabilidade na xestión dos recursos públicos.

«O Nadal non pode supoñer unha escusa para esquecernos desa xestión responsable», sostivo Bustelo, quen reivindicou unha celebración «con humildade, pero con ilusión».

A programación municipal buscará ofrecer alternativas de lecer aos máis pequenos durante as vacacións escolares, ao tempo que facilitará a conciliación da vida laboral e familiar, nun Nadal no que o Concello aspira a encher de actividade e ambiente festivo as rúas de Rianxo.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *