AD

Actualidad

Lousame aproba uns Orzamentos de 3,7M€ reforzando os servizos sociais

today24 marzo, 2024

Background
share close
AD

 

 

 

Teresa Villaverde confirma 719.000€ para investimentos que “se incluíramos a depuradora e os vestiarios do campo de fútbol serían 1,3 millóns a maiores, pero decidimos incluír so o que achega o Concello”

23 de marzo de 2024.- O pleno de Lousame aprobou na noite de onte venres, en sesión extraordinaria, os Orzamentos Municipais para 2024, que se presentan equilibradas e suman 3.738.807,97 euros, un 4% máis que en 2023 (3.592.521,72 euros). Unhas contas que foron aprobadas cos votos a favor do Partido Popular e os votos en contra de PSOE e BNG.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que se trata dun “orzamento de 3,7 millóns de euros, dos que o 30% está destinado a gasto social, para atender as necesidades dos veciños e veciñas. É unha porcentaxe importantísima, á que hai que engadir tamén a inversión en cultura e deportes”. Así mesmo, destacou a partida de investimentos reais, que suma un total de 719.000 euros e representa o 19% do orzamento, se ben puntualizou que “se incluíramos as obras da nova depuradora e dos vestiarios do campo de fútbol da Silva serían 1,3 millóns de euros a maiores na partida de investimentos, pero decidimos incluír so a parte que achega o Concello, pero son inversións que se van facer este ano e que van desfrutar os veciños e veciñas de Lousame”.

Investimentos reais

O capítulo 6 do Orzamento de gastos ten consignados investimentos por un importe de 719.359,66 euros, dos que máis de 310.00 euros se destinan a proxectos de pavimentación de camiños e melloras de accesos e núcleos de aldeas. Así, no 2024 pavimentarase o viario de Pousada a Carantoña e de Cruído a Loureiro e mellorarase o viario de Cabaleriza á DP1103, do camiño de Lesende a Vilacoba, do viario entre A Barreira e Guiende (Tállara), dunha estrada no Outeiro (Lousame) e doutros dous viarios en Arxellas. A maiores, mellorarase o núcleo de Abeixón e os accesos a Castro e a Soutorredondo (Lesende). Todas estas actuacións correspondentes ao Plan Único da Deputación.

A maiores, recóllese a mellora do viario de Seoane a Aldeagrande (35.391 euros), a mellora da rede de saneamento en Pousada (19.504 euros) ou a expropiación dos terreos para a EDAR de Louame (10.034 euros). Así mesmo, contémplanse 42.573 euros para obras de mellora no pavillón municipal Pilar Barreiro Senra, así como os 219.988,91 euros correspondentes á construción dos vestiarios do campo de fútbol da Senra, se ben o importe total do investimento ascende a 342.192,96 euros. Finalmente, recóllense pequenas partidas para equipamento do Punto de Atención á Infancia, do Centro de Día, para Servizos Sociais ou uns focos LED para a Casa da Cultura.

Por outra banda, o capítulo de gasto corrente ascende a 1.412.924,69 euros, un 12,62% máis ca en 2023. Uns cartos destinados ao mantemento dos distintos servizos que presta o Concello de Lousame aos seus veciños e veciñas e que inclúe o abastecemento de auga, o saneamento, o centro de día, instalacións deportivas, alumeado público… Finalmente, o gasto en persoal suma 1.353.258,62 euros, incluíndo tanto o procedemento de estabilización de emprego como a incorporación de 2 xerocultoras ao centro de día, “o que nos permitirá cubrir as 40 prazas dispoñibles” (na actualidade conta con 27 prazas cubertas).

Oposición de PSOE e BNG

Pola súa banda, tanto PSOE como BNG amosaron o seu rexeitamento aos orzamentos desde o primeiro momento, chegando mesmo a votar en contra da celebración do Pleno Extraordinario. Neste sentido, ambas formacións coincidiron en criticar que os orzamentos chegan tarde e fóra de tempo pero, ao mesmo tempo, que se podería ter agardado dúas semanas máis para incluír este debate no Pleno Ordinario do 5 de marzo.

Pola súa banda, a alcaldesa Teresa Villaverde defendeu que a intención era “que se aproben o antes posible para poder realizar as inversións que están no orzamento”, facendo especial mención ao inicio das expropiacións dos terreos da EDAR de Lousame, “tendo en conta que a obra xa está en fase de licitación por parte da Xunta de Galicia”. Porén, tanto PSOE como BNG en que “non pasaba nada por esperar 2 semanas máis”, tal e como afirmaron primeiro a voceira socialista, Ana María Domínguez, como acto seguido o voceiro nacionalista, Anxo Moledo.

A voceira socialista baseou as súas críticas en que “non hai investimentos no interior dos núcleos, nin en saneamento. Só hai en reparación de vías que non son necesarias”. Neste sentido, volveu reafirmar a oposición do seu grupo a todas as obras incluídas no Plan Único da Deputación ao entender que “non son obras prioritarias para Lousame”. Finalmente, criticou que “no centro de saúde se inviste menos que en turismo”.

Teresa Villaverde lembroulle á voceira socialista que os Concellos encárganse unicamente do mantemento dos centros de saúde e que “cada vez que nos piden algo, facémolo. E cando non nos corresponde, cónstanos que xa lle dan traslado á Xunta”. A alcaldesa lamentou que ao PSOE non lle parezan “necesarias” as actuacións previstas no POS en Pousada, Carantoña, Abeixón, Cabaleriza, Lesende, Vilacoba, A Barreira, Guiende, Outeiro… e convidouna a “irllo dicir aos veciños, que esas actuacións non hai que facela”. Así mesmo, defendeu as obras do Concello de Lousame na mellora dos núcleos de poboación: “se non o sabe, estamos acabando estes días unha actuación na aldea do Castro, que debe pertencer a outro concello. Como tampouco deben ser de Lousame aldeas como Guiende, Vilar, Comparada, Alderís, Pousada, Camboño ou Gandarela. Seguiremos mellorando o interior das nosas aldeas pero reitérolle de novo: non imos tirar casas”.

Sobre ás críticas de falta de investimento en saneamento, Villaverde lembroulle o 1,1 millóns de euros que se van investir para dotar de saneamento e depuración a cinco núcleos do municipio (Devesa, A Silva, Berrimes, As Quintáns e A Costa) así como a parte do núcleo de Cruído e ás instalacións do CPI Cernadas de Castro, o polideportivo municipal Pilar Barreiro Silva e a piscina municipal. Neste sentido, a alcaldesa de Lousame entende que a argumentación socialista non ten sentido “cando este ano imos ter un dos maiores investimentos en saneamento na historia de Lousame”.

Finalmente, o voceiro do BNG volveu centrar o seu discurso na súa preocupación por non incluír nos orzamentos o pago da débeda do Concello de Lousame coa Deputación da Coruña, cuxo pago está previsto que se inicie no exercicio de 2025. “O Concello non vai poder asumir a devolución dos préstamos da Depuración e son bastantes cartos”, advertiu Anxo Moledo, quen volveu insistir en que o Concello non debe acudir ás convocatorias de axudas para obras senón que “son necesarias subvencións nominativas, nas que non haxa cartos que devolver”.

Teresa Villaverde tirou de ironía para tranquilizar ao voceiro nacionalista: “temos programadas todas as débedas. Este ano non temos ningunha coa Deputación porque non vence ningún préstamo. O ano pasado empezamos a pagar o do DUX, e continuaremos este ano. E para o ano, teremos que comezar a pagar o da Deputación”. Así mesmo, explicoulle ao voceiro nacionalista que os 100.000 euros contemplados como operación de tesourería non son débeda ningunha, senón que son cartos consignados para garantir que o Concello vai ter liquidez á hora de pagar unha obra mentres agarda a que a Administración correspondente achegue a súa parte dos cartos.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%