Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Xusto cando se cumpre un ano dende que tomou o bastón de mando da Estrada, o alcalde recoñece a intensidade e as vivencias destes 12 meses e amósase ilusionado polos proxectos nos que o Concello está inmerso.
Renderá contas á cidadanía deste primeiro ano de mandato nun acto público e aberto programado para o sábado 26 de abril, no Teatro Principal.
“Un cambio tan importante como é suceder a un gran líder serviu tamén para facer entre os dous un novo equipo, un tándem”, di en relación ao seu antecesor e agora conselleiro de Cultura, José López.
“Este non foi un ano normal para min. Semella que non foron só 12 meses, tanto pola intensidade como polas vivencias”. Así comezou o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, unha intervención de balance do que foi o seu primeiro ano sostendo o bastón de mando do municipio.
“Ten que ser a cidadanía a que avalíe este ano. Eu preséntome coa humildade máxima: foron 12 meses de moito traballo, de escoitar moito á xente desta casa que leva moitos anos e tamén á cidadanía. Foron, tamén, 12 meses de planificar moitas cousas, de ir executando proxectos -que nestes días avaliaremos para render contas á cidadanía-, pero tamén de planificar moitos outros”.
Louzao confirmou así que, aínda que este domingo se cumpre xusto o seu primeiro ano de mandato, será o sábado 26 de abril cando o analice publicamente, nun acto institucional público e aberto a todos os estradenses que se celebrará no Teatro Principal.
A xeito de anticipo, Gonzalo Louzao recoñeceu o peso que supuxo asumir o relevo despois de “13 anos de goberno de José López Campos cun gran apoio social”. “Un cambio tan importante como é suceder a un gran líder serviu tamén para facer entre os dous un novo equipo, un tándem, porque José segue estando presente axudando sempre con calquera cousa que se necesita na Estrada”, dixo.
“Foi un ano dunha transición brillante polo talante dos concelleiros, do esforzo que se fixo por parte do goberno e tamén do persoal do Concello, que asumiu un papel importante no que tivo que ver con este cambio, con adaptarse a calquera necesidade que fose xurdindo”, recoñeceu tamén.
Tras agradecer publicamente a implicación do persoal municipal coa súa Alcaldía, o rexedor quixo pór o acento en que neste ano se demostrou “que funcionar como equipo dá resultados: lonxe de haber un ano de parálise, houbo un ano de seguir avanzando”.
“Parece o normal, pero non o é”
Referíndose á transición modélica e rápida que se amosou no Concello da Estrada, Gonzalo Louzao considerou que “o equipo demostrou que soubo seguir traballando a pesar de que o líder que os cosía cambiou e seguiu funcionando como un”. “Parece que é o normal pero non o é. Aquí houbo unha excepción e un referente. Así se avalía desde fóra e tamén o temos que avaliar así desde dentro”, reflexionou.
O rexedor local tamén quixo recoñecer publicamente que “a cidadanía estradense tivo un trato exemplar deste cambio”. “No persoal teño que agradecerlle á xente que me acollera con moitísimo cariño. Aos sitios aos que vou recibo moito agarimo da xente e eu espero estar á altura e ofrecerlle os mellores anos da miña vida e dar o mellor de min para chegar ao que este concello necesita”, apuntou.
“A burocracia da administración fai que moitas veces non se vexa todo o traballo que se está facendo, pero imos ter meses de moito traballo na rúa e de moitas accións que se van ver moi pronto executadas. Esta é a gratitude deste traballo de servizo público”, continuou o xefe do executivo estradense.
Nun ano de “non mirar o reloxo, de empatizar e de escoitar”, Louzao Dono dixo ter vivido de primeira man como o alcalde é “ese referente próximo que se busca” na administración máis achegada ao cidadán. “Sentirse útil para tentar solventar desde a grande obra ata a máis pequena, desde o evento de calquera recuncho dos nosos 473 núcleos de poboación ata as patronais da Estrada”.
Velocidade de cruceiro
“Que seguiramos coa velocidade de cruceiro foi mérito da implicación persoal e do traballo en equipo para seguir executando os proxectos que xa había e tamén poñendo enriba da mesa novas ideas e proxectos”, dixo o mandatario, xusto no momento de sinalar que a mellora das comunicacións, a vivenda, as posibilidades laborais a través da ampliación pública do solo industrial e a aposta “polas 50 parroquias+1” que representan A Estrada son os piares da súa xestión de goberno.
O mandatario recoñeceuse ilusionado polo novo capítulo de oportunidade que abren “os novos fondos europeos ou a consecución de outros que fan que tamén lle podamos dar un estilo propio ao goberno que eu tiña claro desde o primeiro momento”.
Non esqueceu o alcalde a súa “especial sensibilidade polo mundo rural”, “que agora teño que demostrar e cumprir a nivel de financiamento coas expectativas e prioridades que se xeraron xa desde os primeiros días de mandato”, asumiu.
No acto no que o alcalde debullará, máis polo miúdo, o que foi este ano de goberno, estará presente o seu antecesor, José López Campos, e tamén se cursará invitación aos demais grupos políticos que integran a corporación municipal estradense.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)