Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
A Estrada, 7 de maio de 2025.- A escritora Macarena García Vicente e a ilustradora Iria Bermúdez Rozas asinan a obra gañadora da quinta edición do Premio de Álbum Ilustrado “Alberte Quiñoi”, convocado polo Concello da Estrada co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a colaboración da Editorial Galaxia. Despois de valorar os orixinais presentados e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións previas á xuntanza do día de hoxe, o xurado acordou, por unanimidade conceder o galardón á peza titulada “Un porquiño polo San Martiño”, que se presentou baixo o pseudónimo “Lacón e grelos”.
Desta volta foron un total de 13 as obras presentadas ao certame. O xurado encargado de analizalas estivo conformado por Sandra López Díaz, Sara Valcárcel Maceira, José Tomás Díaz Teijo, Armando Requeixo Cuba e Carlos Loureiro Rodríguez, exercendo este último como secretario.
Coñecida e comunicada a resolución ás autoras da obra, o xurado quixo destacar neste álbum ilustrado “varios motivos que merecen ser valorados”. En primeiro lugar, sinalan que “presenta unha estética moi coidada, tanto no tratamento visual como na elección dos elementos gráficos, o que contribúe a unha experiencia lectora sólida e atractiva”. De igual xeito, sinalan que a peza gañadora “pon en valor o respecto e o coidado animal dun xeito honesto e sensible, sen caer na simplificación nin no exceso didáctico”. “Este
enfoque, xa de por si relevante, vese reforzado polo xiro final da historia, que rompe
coas expectativas iniciais e engade profundidade ao conxunto”, destacaron.
O equipo de expertos quixo sinalar tamén a coherencia entre o texto e as ilustracións. “Ambos elementos están ben integrados e funcionan como un todo, apoiándose mutuamente e reforzando a mensaxe que a obra quere transmitir”, argumentaron.
Destacouse tamén a expresividade da obra, feita cun “coidado sentido do humor” e poñéndose en valor o tratamento da morte. “A ilustración reforza, tamén, a esfera psicolóxica do porquiño protagonista, amosando diferentes arestas emocionais”, concluíu o xurado.
O álbum “Un porquiño polo San Martiño” será publicado nos vindeiros meses por Editorial Galaxia. A maiores, o premio conta cunha dotación económica de 4.000 euros.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)