Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 agosto, 2024
O Concello de Ames, a través do departamento de Deportes, organizou para os meses de xullo e agosto varios cursos de natación que se están a desenvolver nas piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro
Este ano inscribíronse un total de 111 nenos e nenas
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, visitou onte as piscinas descubertas e Bertamiráns e Milladoiro para comprobar de primeira man como se están a desenvolver estes cursos
Ames, 29 de agosto de 2024.– O Concello de Ames, a través do departamento de Deportes, organizou para os meses de xullo e agosto varios cursos de natación que se están a desenvolver nas piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro. Este ano inscribíronse un total de 111 nenos e nenas. Esta iniciativa conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
111 rapaces e rapazas están participando nos cursos de natación organizados durante os meses de xullo e agosto. Durante o mes de xullo un total de 57 rapaces e rapazas (34 no Milladoiro e 23 en Bertamiráns) participaron nos curso de natación que se impartiron nas piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro, mentres que durante o mes de agosto están a participar 54 usuarios/as (28 no Milladoiro e 26 en Bertamiráns).
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, acompañada por Alberto Viaño, técnico de Deportes, visitou onte as piscinas descubertas e Bertamiráns e Milladoiro para ver de primeira man como se están a desenvolver estes cursos. Alí puido comprobar que, ademais de gozar da auga, os rapaces e rapazas aprenden a nadar ou perfeccionar o seu estilo. Durante a visita a concelleira apuntou que “o programa está dedicado a ocupar o tempo de lecer dos nenos e nenas durante as vacacións do verán. Deste xeito, tamén aprenden a practicar un deporte novo”. Así mesmo, sinalou que “estes cursos achegan aos rapaces e rapazas a posibilidade de aprender a nadar e familiarizarse coa auga, ao tempo que pasan un bo rato con outros nenos e nenas”. Os cursos están organizados pola Concellaría de Deportes en colaboración coa Deputación da Coruña.
Piscinas descubertas municipais
Por outra banda, cómpre lembrar que as piscinas descubertas municipais están abertas ao público xeral desde mediados do mes de xuño. O horario de apertura das piscinas do Milladoiro e Bertamiráns é de 11:00 a 21:00 horas, de luns a domingo, mentres que na praia fluvial de Tapia o horario de apertura é de 15:00 a 21:00 horas, de luns a venres, e os sábados e domingos, de 11:00 a 21:00 horas. Durante estes horarios hai servizo de vixilancia e socorrismo. Estas instalacións estarán abertas ata o vindeiro 15 de setembro.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)