Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today11 noviembre, 2025
O Pino. 11-11-2025.- O alcalde do Pino, Manuel Taboada, inaugurou esta mañá na praza do Concello a exposición itinerante Tesouros de Galicia: a minería galega a través do tempo, unha mostra promovida pola Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) para conmemorar o seu centenario e que repasa 2.500 anos de historia mineira na nosa comunidade autónoma.
A mostra consta de 8 paneis informativos e pode visitarse ata o 25 de novembro na praza do Concello, en Arca. Chega ao Pino despois de pasar por cidades como Santiago de Compostela, Lugo, A Coruña, Ourense, Vigo e estar nas últimas semanas en Lestedo (Boqueixón) ou no municipio ourensán de Parada do Sil.
A inauguración estivo presidida polo alcalde, Manuel Taboada, acompañado pola directora de COMG, Arantxa Prado; a responsable da oficina técnica, Irene Pérez; e membros da Cámara Mineira de Galicia. Tamén asistiron representantes das empresas Cobre San Rafael, Explotaciones Gallegas, TEN (Tratamientos Ecológicos del Noroeste) e Renanso.
Durante a súa intervención, a directora da COMG puxo en valor a relevancia histórica e xeolóxica do Pino, estreitamente ligada á actividade mineira: “O Pino é un dos lugares máis representativos do vínculo entre a terra e a minería en Galicia. É unha testemuña xeolóxica de millóns de anos e o punto de partida dunha actividade que forma parte da nosa identidade colectiva”.
O alcalde Manuel Taboada, agradeceulle á COMG que “elixise o noso concello para esta exposición itinerante, que nos axuda a coñecer un pouco máis a historia de Galicia e tamén a historia do Pino, pois no pasado tivemos explotacións mineiras”, asegurou.
A exposición Tesouros da terra reflicte a historia da minería en Galicia desde os antigos fenicios, pasando pola época romana, ata a actualidade, trasladando o seu importante papel na transformación da economía e a cultura da rexión. A través de oito tótems divulgativos, a mostra explora as distintas etapas da actividade mineira na comunidade, que comezou coa minería aurífera nos séculos I e II, cando Galicia, antes Gallaecia, recibiu o seu nome por mor das súas abundantes minas de ouro.
A mostra tamén destaca a relevancia dos diferentes subsectores da minería, como rochas ornamentais, augas mineromedicinais, áridos ou minerais industriais.
Por último, a exposición repasa os principais fitos da Cámara Oficial Mineira de Galicia desde a súa fundación, en setembro de 1925, coa misión de unir as voces de quen traballaba no subsolo galego, ata a actualidade.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)