Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today18 octubre, 2024
Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2024. A sede de Afundación (Rúa do Villar, 19) acolleu esta mañá, o acto de entrega da Medalla de Ouro da Orde da Cámara de Comercio de España, a título póstumo, a D. José Sierra Fernández.
O acto contou coa presenza da Presidenta da Cámara de Comercio de Santiago, María Pais Fajín; a Deputada de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García López; a Conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana Somoza; e a Alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei. Justo Sierra, actual Presidente de UROVESA, estivo arroupado pola súa familia neste acto; a presidenta da Cámara de Comercio de Santiago quixo referirse a eles no seu discurso “no ano 2016 asumía o legado de UROVESA o seu fillo Justo, do que sentía profundamente orgulloso. O mesmo cabería dicir das súas fillas Cecilia e Cristina e da súa muller, Mercedes, fiel compañeira, polas que sentía profunda devoción. UROVESA, xunto coa súa familia, foron os grandes piares da súa vida”.
Justo Sierra, lembrou do seu pai, o Sr. Sierra: “transmitiunos o importante que é ser unha persoa de valor e non unha persoa de éxito, o éxito é a consecuencia do valor. Na súa vida, sempre buscou, adquirir, potenciar e transmitir os valores, sempre causou un impacto positivo entre todas as persoas que coñecía”. Afirmou que a iniciativa e a actitude emprendedora foron os valores que o empuxaron a tomar as rendas da Cámara.
Por último Justo Sierra quixo recalcar outras dúas das virtudes do seu pai: “a confianza nas persoas era clave para calquera proxecto, como no seu momento tomar as rendas da Cámara; e a xenerosidade, dedicou a súa vida aos demais, á súa familia, aos seus empregados, á súa contorna, e nun momento da súa vida, tamén á Cámara de Comercio de Santiago”.
A presidenta da Cámara de Comercio de Santiago, María Pais, agradeceu á Cámara de Comercio de España e ao seu Presidente, José Luis Bonet, a excelente disposición con que acolleu a demanda do Pleno da Cámara compostelá, para a concesión da medalla de ouro a D. José Sierra: “unha condecoración nútrese e engrandece co prestixio que lle dan os seus galardoados e hoxe, a medalla de ouro da institución cameral, alcanzou, sen dúbida, o seu máximo nivel de excelencia”.
A deputada provincial, Rosa Ana García, destacou do Sr Sierra: “ser un galego exemplar e un referente empresarial de Santiago e de toda Galicia. Visionario dos negocios, adaptou a súa empresa aos tempos. É un referente para unha xeración de empresarios e emprendedores galegos. É o claro exemplo da nosa idiosincrasia: a empresa familiar, base do noso tecido empresarial”.
Pola súa banda, a Conselleira de Economía e Industria, Mª Jesús Lorenzana, manifestou: “é un orgullo que siga habendo estes recoñecementos a décadas de traballo no mundo internacional. Esta Medalla de Ouro é un premio á audacia, o empeño e a intelixencia de empresarios, como o Sr. Sierra”.
O presidente de Cámara España, José Luis Bonet, manifestou: “ que o acto de hoxe é unha mostra de agradecemento á valiosa achega do Sr. Sierra a todo o sistema cameral, que co seu traballo desde Santiago de Compostela contribuíu a engrandecer, e moi particularmente aos seus esforzos a favor do desenvolvemento e a competitividade das empresas santiaguesas”.
Pechou o acto, a alcaldesa do Concello de Santiago, Goretti Sanmartín, quixo ter unhas palabras emotivas para a familia: “é complicado estar nun acto como este, pero a familia tedes que quedarvos co mellor porque é un orgullo e unha sorte poder nacer nesta familia”.
A alcaldesa quixo lembrar que o Sr. Sierra foi: “un veciño destacado, que foi compostelán por vontade propia e conseguiu facer crecer o tecido empresarial de Santiago. É unha persoa que contribúe a facer cidade, esa Compostela, que todos queremos. Un camiño empresarial exitoso, pero o sinal especial faia a súa persoa solidaria e o seu compromiso cívico e social que tamén transmitiu aos seus fillos: Xusto, Cecilia e Cristina”.
Traxectoria cameral de D. José Sierra Fernández
O Sr. Sierra chegou á Presidencia da Cámara de Comercio de Santiago no ano 2018. Nunha época na que a sustentabilidade e viabilidade da Cámara compostelá non estaba garantida tras varios anos de perdas continuadas que ameazaban seriamente a continuidade da Institución. Quizais non era o momento máis idóneo para asumir a Presidencia, sendo coñecedor da necesidade de adoptar decisións difíciles, pero aínda así, decidiu que era precisamente o momento de devolver á Cámara a axuda prestada nos seus inicios empresariais e dar un paso á fronte liderando unha candidatura conformada polos grandes empresarios da demarcación cameral, quen co seu esforzo, coñecemento e tamén, xenerosidade, foron capaces de “dar a volta á Cámara”, afianzando a súa sustentabilidade.
Cabe destacar a loita do Sr. Sierra por posicionar a Cámara, como un referente na prestación de servizos ao tecido produtivo da súa demarcación territorial e para o seu recoñecemento como brazo extensivo da administración local e autonómica na posta en marcha de proxectos de diferente natureza e enorme calado a favor do tecido empresarial e o conxunto da sociedade e, en definitiva, a súa inestimable contribución ao sistema cameral.
A defensa das Cámaras de Comercio, particularizada na Cámara de Santiago, proviña da súa gratitude polo apoio recibido da entidade cameral nos primeiros pasos da internacionalización de UROVESA.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)