Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today5 marzo, 2024
A tenda Naf Naf acollerá o próximo mércores unha mesa redonda sobre a prostitución, no marco da campaña «12 comercios, 12 sensibilidades», impulsada por unha ducia de comerciantes de Santiago en colaboración coa Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude. Neste mes de marzo, a iniciativa fíxase o obxectivo de dar a coñecer o traballo que se desenvolve no programa Vagalume de atención integral a mulleres en situación de prostitución ou vítimas de trata.
A mesa redonda «A prostitución, unha realidade invisibilizada» contará coa participación da coordinadora do Programa Vagalume, Lourdes Pazo, que este martes visitaba os estudios de Radio Líder Santiago e da psicóloga Lorena Nieto. O obxectivo do debate organizado pola tenda Naf Naf Santiago, cuxa xerente María Piñeiro tamén participaba na entrevista, é reflexionar e concienciar sobre a realidade da prostitución, que moitas veces pasa desapercibida na nosa sociedade. A mesa redonda celebraráse a partir das 19.00 horas, e por mor da limitación do aforo será preciso confirmar asistencia no teléfono 696549331.
Campaña solidaria do comercio local de Santiago
A campaña «12 Comercios, 12 Sensibilidades» xurdiu da colaboración entre unha ducia de comerciantes de Santiago co obxectivo de darlle visibilidade a diferentes entidades solidarias. O proxecto, co que colabora a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, tamén procura favorecer o fluxo de clientela entre os establecementos participantes, localizados en diferentes puntos de Compostela e dedicados a actividades diversas.
Cada mes do ano, a campaña está protagonizada por un comercio concreto, que se encarga de difundir o labor da entidade social que elixe a través de diferentes actividades como charlas, exposicións ou obradoiros. Neste mes de marzo, a iniciativa está protagonizada pola tenda Naf Naf, que elixiu colaborar co programa Vagalume de Cáritas. En xaneiro, a tenda online de artesanía 1aguilaatlantica.com deu a coñecer o traballo da Fundación Pictoaplicaciones; e en febreiro a xoiaría José Antonio colaborou con Solidaridad Internacional de Galicia. En abril tomará o relevo o Centro Deportivo Atmósfera, para poñer en valor o traballo da Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple.
A entrevista completa no seguinte enlace.
Written by: Líder Redacción
12 comercios 12 sensibilidades caritas comercio compostela naf naf proyecto vagalume radio lider santiago santiago
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)