Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today3 febrero, 2025
O alcalde de Vedra, Carlos Martínez, pasou polos micrófonos de Radio Líder Santiago para facer balance do inicio do ano 2025 e adiantar os principais proxectos do Concello. Durante a entrevista, Martínez abordou cuestións como a necesaria reforma do centro de saúde, os festexos do Entroido, a aposta polo medio ambiente e os desafíos do goberno municipal.
Un dos anuncios máis destacados foi a confirmación da reforma integral do centro de saúde de Vedra, unha infraestrutura que, segundo o alcalde, xa necesitaba unha actualización profunda:
«Recentemente, o Consello da Xunta aprobou de forma definitiva esa inversión de máis de 500.000 euros para a reforma do noso centro de saúde, que xa ten case 40 anos e necesita un ‘lifting’ completo».
A obra, que supón un importante esforzo de planificación e coordinación, debe ter en conta a continuidade do servizo sanitario. «Non se pode interromper o servizo, polo que a execución da reforma será progresiva», explicou o alcalde. A previsión inicial é que os traballos comecen este mesmo ano, aínda que os prazos estarán marcados polos trámites administrativos.
A chegada do mes de febreiro en Vedra significa dúas cousas: Entroido e a exaltación da camelia, un produto estrela no municipio.
O alcalde resaltou a importancia destas festas, destacando a tradición dos Xenerais do Ulla, unha celebración singular que enche de cor e humor as parroquias do concello. Sobre a proposta de fixar unha data estable para o Entroido, Martínez mostrouse totalmente en contra:
«O que non podemos facer é desvirtuar a historia nin as nosas tradicións. O Entroido é unha festa marcada pola tradición cristiá e o seu calendario non debe modificarse«.
Sobre a Festa da Camelia, o alcalde destacou que Vedra acolle a segunda xornada máis antiga de Galicia, con 29 anos de historia, só por detrás da de Pontevedra. Durante os próximos meses, haberá diversas actividades relacionadas con esta flor, que dá cor á paisaxe invernal do municipio.
Unha das grandes apostas do goberno municipal é a xestión sostible dos residuos. O Concello traballa para que o 90% das vivendas de Vedra practiquen a compostaxe antes de 2027, evitando así o incremento dos custos derivados da recollida do lixo.
«O noso obxectivo é fomentar a compostaxe e evitar a necesidade dun novo camión para recoller o lixo orgánico, que suporía máis custos e maior impacto ambiental. Xa temos repartidos entre 500 e 600 composteiros e a meta é chegar aos 1.500 ou 1.600″.
O alcalde anunciou ademais que este ano se implementará un sistema de asesoramento para supervisar e axudar aos veciños a separar correctamente os residuos.
Mirando cara ao futuro, Carlos Martínez explicou que a súa prioridade seguirá sendo mellorar a calidade de vida da veciñanza. Entre os proxectos destacados para o que resta de mandato, subliñou a creación dun centro de día para maiores, así como un plan de mellora das infraestruturas municipais.
«Traballamos para que en 2025 haxa un forte investimento en pistas municipais, melloras na rede de abastecemento e saneamento e novos proxectos culturais e sociais«.
Cando foi preguntado pola súa continuidade como alcalde máis aló de 2027, Martínez respondeu con cautela:
«A día de hoxe a miña intención é seguir, pero tamén aprendín que nunca se pode dar nada por sentado. Se no futuro vexo que non podo dar o 200% polos meus veciños, será o momento de marchar«.
A entrevista tamén deixou un momento máis distendido cando se lle preguntou polo seu disfrace de Entroido. Desde hai anos, o alcalde de Vedra ten por costume acudir ao seu despacho disfrazado no venres de Entroido. Este 2025, a súa vestimenta podería verse no pleno da Deputación Provincial, xa que a sesión coincide con esa data.
«Se estou disfrazado en Vedra, está claro que tamén terei que ir disfrazado á Deputación, salvo que me prohiban entrar«, bromeou.
Aínda que non desvelou o disfrace, garantiu que será unha sorpresa ata o último momento: «Sempre o manteño en segredo».
Carlos Martínez fixo un repaso polas principais cuestións que marcan a actualidade de Vedra, desde as melloras no centro de saúde e as infraestruturas municipais ata a aposta polo medio ambiente e as tradicións culturais. Con ilusión e compromiso, o alcalde afronta os retos deste 2025 con obxectivos claros: «mentres teña forza e ilusión, seguirei traballando ao 200% polos meus veciños».
A entrevista completa, no seguinte enlace.
Escrito por Líder Redacción
actualidade comarcas Entrevista politica radio lider santiago vedra
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)