AD

Comarca

O alumnado do obradoiro Renova VI instalou paneis solares na depuradora de Sisalde

today21 noviembre, 2024

Fondo
share close
AD
  • A delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo, destacou que “os obradoiros de emprego permiten dotar a nosa poboación activa de formación de calidade ao tempo que desenvolven un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”
  • O alcalde de Ames, Blas García, dixo “quero poñer en valor o traballo que fai a Xunta de Galicia con estes obradoiro de emprego e tamén cos programas integrados, porque permítenos aos Concellos poñer en marcha varios catálogos de formación para as persoas que o necesitan. Nós seguiremos apostando por este tipo de obradoiros formativos en enerxías renovables porque é importante apostar pola sustentabilidade e porque nos permite un importante aforro enerxético”
  • O alcalde de Brión, Pablo Lago, agradeceu “á Xunta de Galicia pola colaboración que lle achega aos Concellos de Ames e Brión para poder desenvolver este tipo de obradoiros de emprego, que son moi importantes porque lle ofrecen formación ás persoas participantes e tamén porque deste xeito creamos unha sociedade mellor formada”

Ames, 21 de novembro de 2024.- Esta mañá o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu o acto de clausura do obradoiro dual de emprego en enerxías renovables Renova VI, no que participaron durante 12 meses, 20 alumnos/as (15 de Ames e 5 de Brión). O acto estivo presidido pola delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo; polos alcalde de Ames, Blas García, e de Brión, Pablo Lago; a concelleira de Promoción Económica e Emprego de Ames, Ana Belén Paz; a concelleira de Promoción Económica e Emprego de Brión; Guarina Rey; e polo director do obradoiro, Andrés Novo. Tamén participaron concelleiros e concelleiros do grupo de goberno, Partido Popular e BNG. Trala intervención das autoridades fíxose entrega dos diplomas ao alumnado participante. Nesta edición impartíronse 12 meses de formación sobre o certificado de profesionalidade oficial ENAE0108 de montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas. Ademais, impartiuse a especialidade do catálogo SEPE: SSCI016PO Mantemento e conservación de piscinas.

Os Concellos de Ames e Brión desenvolveron a sexta edición do obradoiro dual de emprego Renova, no que participaron 20 alumnos/as traballadores/as (15 do concello de Ames e 5 do concello de Brión). Nesta edición impartiuse 12 meses de formación sobre o certificado de profesionalidade oficial ENAE0108 de montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas. Ademais, impartiuse a especialidade do catálogo SEPE: SSCI016PO Mantemento e conservación de piscinas. O alumnado tivo que completar 1.920 horas de formación teórica e práctica. Este obradoiro rematará o 23 de novembro e os Concellos de Ames e Brión xa están traballando no proceso de selección da sétima edición deste obradoiro de emprego.

Ademais, completouse a formación do alumnado no certificado de profesionalidade con cinco cursos a maiores: curso de prevención de riscos laborais homologado pola Fundación laboral da construción, curso de carretillas elevadoras, curso de plataformas elevadoras móbiles para persoas (PEMP), curso de traballos en altura, e curso sobre a lexionela. Ditas accións formativas tiveron o obxecto de inculcar prácticas seguras nos traballos e nas actuacións aprobadas (cultura preventiva) e mellorar a cualificación e empregabilidade do alumnado.

Os obradoiros duais de emprego son programas públicos de formación e emprego en que os traballadores/as desempregados/as participantes reciben cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social. Este obradoiro estivo sufragado a través dunha subvención de 546.546,80 euros, concedida aos Concellos de Ames e Brión por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, para o financiamento dos custos de formación profesional para o emprego. Os Concellos de Ames e Brión achegaron 179.476,18 euros.

Acto de entrega de diplomas

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu hoxe o acto de entrega de diplomas aos 20 alumnos/as – traballadores/as que participaron no obradoiro de emprego.

A delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo, destacou que “os obradoiros de emprego permiten dotar a nosa poboación activa de formación de calidade ao tempo que desenvolven un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”. “O obxectivo – incidiu – é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación”. Neste senso, animou a todos os participantes a aproveitar a formación recibida para buscar traballo e incluso para iniciar o seu propio negocio “porque estades preparados para traballar nun sector que precisa, nestes momentos, de profesionais cualificados”, subliñou.

O alcalde de Ames, Blas García, dixo “quero poñer en valor o traballo que fai a Xunta de Galicia con estes obradoiro de emprego e tamén cos programas integrados, porque permítenos aos Concellos poñer en marcha varios catálogos de formación para as persoas que o necesitan. Nós seguiremos apostando por este tipo de obradoiros formativos en enerxías renovables porque é importante apostar pola sustentabilidade e porque nos permite un importante aforro enerxético. Tamén é importante para vós porque vaivos facilitar atopar un emprego. Eu sempre digo que dispor dun emprego achega autonomía e dignidade. Aínda que rematades este obradoiro tedes que saber que tanto o Concello de Ames coma o de Brión, estaremos a voso carón por se necesitades axuda para axudarvos en cuestións de emprendemento ou calquera outro tema”.

O alcalde de Brión, Pablo Lago, agradeceu “á Xunta de Galicia pola colaboración que lle achega aos Concellos de Ames e Brión para poder desenvolver este tipo de obradoiros de emprego, que son moi importantes porque lle ofrecen formación ás persoas participantes e tamén porque deste xeito creamos unha sociedade mellor formada. A vós ábrevos posibilidades a nivel laboral e aos Concellos tamén nos supón un importante beneficio a través das actuacións que fixestes ao longo dos últimos doce meses. Aproveitade a formación adquirida para tratar de acceder ao mercado laboral”.

Novas instalacións fotovoltaicas

Ademais da formación teórico práctica, o alumnado realizou un total de 22 actuacións de interese municipal. Neste caso, executaron unha nova instalación de paneis solares fotovoltaicos na estación depuradora de Sisalde, que presta servizo aos concellos de Ames e Brión. Dita instalación consta 90 módulos fotovoltaicos para unha potencia total instalada de 49,5 kWp, ademais dos equipamentos adicionais para o seu funcionamento (inversores, cableado, etc.). Así mesmo, executaron traballos previos para o acondicionamento do terreo (nivelación, instalación de zapatas e lastres para os paneis, etc.). Tamén se executaron as instalacións fotovoltaicas e sistema de bombeo nas piscinas municipais de Bertamiráns e Milladoiro, así como a instalación dun sistema de bombeo na piscina municipal de Bastavales en Brión.

Ademais, realizáronse traballos de mantemento nas instalacións fotovoltaicas do centro de formación e emprego do concello de Ames, no campo de fútbol e no pavillón polideportivo de Bertamiráns, no campo de fútbol do Milladoiro, na Casa da Cultura e nas instalacións deportivas do Milladoiro, na escola infantil municipal de Brión, no pavillón polideportivo de Brión, no espazo colaborativo Transformando de Brión, na planta EDAR da Ameixenda, na planta EDAR do Milladoiro, no centro polivalente de Brión, na estación depuradora de Lens (que presta servizo aos concellos de Ames e Brión), e na pérgola fotovoltaica da biblioteca de Brión.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%