AD

Comarca

O BNG pide prazos claros e celeridade para rematar a humanización da AC-305

today13 abril, 2026

Fondo
share close
AD
  • Rosana Pérez leva as demandas da veciñanza ao Parlamento e reclama que se informe dos prazos

O Bloque Nacionalista Galego, recollendo as demandas da veciñanza de Palmeira, defenderá a vindeira semana unha iniciativa no Parlamento galego para que a Xunta de Galiza axilice ao máximo posible a adxudicación da obra da AC-305 a unha nova empresa e informe con claridade dos prazos que manexa para a súa finalización.

A deputada Rosana Pérez, o exalcalde e portavoz Luís Pérez e as concelleiras Veva Betanzos e Antía Alberte detallaron que a actuación, iniciada en marzo de 2025 pola Consellaría de Vivenda e Planificación de Infraestruturas cun investimento de máis de 2,5 millóns de euros, leva máis dun mes paralizada logo dunha ralentización sen que se coñezan os motivos reais, algo que ocasiona molestias e malestar na veciñanza que se despraza pola parroquia ou vai a Ribeira e á Pobra do Caramiñal.

Desde o BNG insisten en que non é aceptable que, despois dun mes coa obra parada, a Xunta continúe sen ofrecer explicacións claras nin solucións concretas nin prazos de reinicio da obra e de finalización, mentres a veciñanza segue sufrindo as consecuencias das restricións de tráfico e das molestias derivadas dunha actuación inacabada.

A deputada do BNG, Rosana Pérez, subliñou que “é imprescindible que a Xunta dea explicacións claras sobre os motivos polos que a obra leva parada xa un mes e que detalle que xestións vai facer para retomala canto antes”. Neste sentido, reclamou tamén “coñecer que prazos está a manexar a Administración tanto para reiniciar os traballos como para finalizar toda a actuación”.

Pérez advertiu de que “moito nos tememos que esta situación se prolongue no tempo, o que sería especialmente grave de cara aos meses de verán, cando aumenta considerablemente a poboación e a chegada de turistas, podendo xerar problemas importantes de mobilidade e seguridade xa que se producen constantes retencións e os valados de obra provocan un estreitamento dos carrís que pode ocasionar dificultades de paso cando hai camións e autobuses”.

Pola súa parte, o exalcalde e portavoz en Ribeira, Luís Pérez Barral, puxo o foco nas consecuencias económicas desta paralización: “Non só estamos ante un problema de tráfico entre Palmeira, Ribeira e A Pobra do Caramiñal, senón tamén ante un dano económico evidente para os moitos negocios da parroquia: tendas, bares, panadarías, perrucarías, farmacia e outros establecementos que ven afectada a súa actividade diaria”. Ademais Barral detallou que se están xerando problemas de accesibilidade xa que hai un bo treito que está sen beirarrúas tendo tan só terra que se converte nunha lameira os días de choiva e ocasionando pó os días de sol.

Barral reclamou “celeridade e responsabilidade á Xunta para retomar as obras de inmediato” e esixiu “prazos concretos e compromisos firmes sobre cando se vai finalizar esta actuación, que é fundamental para a parroquia de Palmeira”.

O BNG insiste en que esta intervención debe completarse en tempo e forma, garantindo unha mellora real da calidade de vida da veciñanza e evitando que unha obra necesaria acabe converténdose nun problema prolongado no tempo.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *