Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today14 abril, 2026
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, centrará a súa intervención no vindeiro Pleno do Parlamento nas políticas laborais do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, especialmente tras as súas declaracións sobre posibles restricións ao dereito ás baixas médicas.
Así o avanzou a viceportavoz parlamentaria do Bloque, Olalla Rodil, quen tamén cargou contra a xestión do Goberno autonómico en materia aeroportuaria. Segundo denunciou, o Executivo do Partido Popular está a permitir que o debate sobre os aeroportos galegos derive nunha “competencia entre cidades sen coordinación nin estratexia común”.
Neste contexto, o BNG levará ao Pleno unha proposición de lei para reclamar ao Estado a transferencia das competencias sobre os aeroportos de interese xeral en Galicia. Rodil defendeu que contar con estas competencias é fundamental para planificar de maneira coherente o futuro de infraestruturas como Lavacolla, Peinador ou Alvedro, evitando unha visión fragmentada do territorio.
A deputada contrapuxo o modelo de “Galiza en grande” que promove o Bloque fronte ao que cualificou como unha xestión “limitada e sen ambición” por parte de Rueda, a quen acusou de renunciar a asumir novas competencias. Neste sentido, lembrou que en case dúas décadas de goberno autonómico, o PP só conseguiu a transferencia do litoral.
En relación co ámbito laboral, Rodil criticou que o presidente basee o seu discurso en datos que considera incorrectos. Amparándose en informes da AIReF, sinalou que Galicia é unha das comunidades con menos baixas laborais e atribuíu a duración destas ao colapso do sistema sanitario público. Por iso, instou a reforzar os recursos do Sergas en lugar de cuestionar ás persoas traballadoras.
Outro dos asuntos que o BNG levará ao Parlamento será a crise do sector marisqueiro, que cualifican como a máis grave do século. A formación solicitará explicacións á conselleira do Mar pola falta de axudas directas e o atraso na posta en marcha dun plan de investimentos anunciado hai semanas.
Finalmente, o Bloque tamén defenderá unha iniciativa popular para reforzar a atención educativa ao alumnado con necesidades especiais. A proposta, impulsada por familias e avalada por milleiros de sinaturas, reclama a incorporación de persoal especializado nos centros educativos. Rodil destacou a urxencia desta medida ante a situación de moitas familias que, segundo afirmou, están chegando a situacións límite pola falta de recursos.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)