AD

Actualidad

A nova vida de Adrián Varela, de exedil en Santiago a dirixir un restaurante e un hotel en Arzúa

today27 octubre, 2025

Fondo
share close
AD
  • O empresario e ex concelleiro compostelán repasou con Álvaro Veiga en Radio Líder Santiago o éxito dos seus proxectos hostaleiros en Arzúa e compartiu a súa visión crítica e reflexiva sobre a política e o futuro de Galicia.

En pleno centro de Arzúa, corazón do Camiño Francés, Adrián Varela decidiu hai anos mudar de rumbo. Tras unha etapa intensa na política compostelá, apostou por volver á orixe familiar e emprender un camiño propio no sector hostaleiro. Daquela aventura xurdiron Casa Nené e o 1930 Boutique Hotel, dous proxectos que combinan tradición, deseño, hospitalidade e un fondo respecto pola identidade galega.

Queríamos recuperar a casa da familia e facer algo con alma, algo que representase o que somos”, contou Varela a Álvaro Veiga durante a súa entrevista en Radio Líder Santiago. A vella vivenda de principios do século pasado transformouse nun hotel con encanto, aberto ao público pouco antes da pandemia. O nome, 1930, non é casual: é o ano no que se construíu a casa, símbolo dun tempo de progreso e estilo que Varela quixo preservar.

O proxecto familiar arrincou con Casa Nené, un restaurante de cociña galega contemporánea que se consolidou como referencia en Arzúa. “Apostamos polo produto local, polos sabores de sempre e pola honestidade na mesa”, explicou. “Temos provedores da contorna e reproducimos pratos que lembran á nosa avoa, adaptados ao que busca o viaxeiro de hoxe”.

Co paso dos anos, o establecemento medrou ata converterse nun complexo hostaleiro de referencia, cun hotel boutique que ofrece sete habitacións orixinais, cada unha cunha historia e unha atmosfera propia. “Buscamos que o cliente se sinta como na casa, que viva unha experiencia emocional, non só turística”, comentou. O 1930 Boutique Hotel recibiu visitantes de todo o mundo, ata o punto de que “hai semanas enteiras nas que non se oe falar español, o 90% dos hóspedes son estranxeiros”.

A pandemia foi un golpe duro, mais tamén unha oportunidade. “Tivemos que volver comezar, pero axudounos a reflexionar e mellorar procesos”, lembrou Varela. Hoxe, o equipo supera as vinte persoas e segue ampliándose: “Sen un bo equipo, non se consegue nada. Eu teño a sorte de traballar con xente comprometida e que sente o proxecto como seu”.

A súa visión do turismo é clara: equilibrio, calidade e autenticidade. “O rural galego ten un potencial enorme, só precisa xente que aposte pola súa terra”, afirmou. De feito, Varela anunciou que xa teñen tres novos proxectos en marcha, algúns fóra de Arzúa, todos vinculados á hospitalidade e ao turismo sostible.

Da política á empresa: unha nova forma de servir á sociedade

Na segunda parte da entrevista, Adrián Varela falou tamén da súa etapa na política municipal e das súas reflexións sobre a situación actual. “A política nacional é un desastre; temos un país marabilloso nas mans de auténticos afeccionados”, dixo sen rodeos. Afirmou sentirse “máis útil agora, creando emprego e proxectos reais”, e lamentou a deriva partidista e o exceso de crispación: “Vivimos instalados nunha confrontación permanente que non leva a ningures”.

Sobre Santiago de Compostela, cidade onde foi concelleiro, expresou certa decepción pola falta de liderado: “A cidade precisa xestión e visión. O turismo non é o inimigo, só hai que saber regulalo”. Defende unha cidade viva, aberta e con equilibrio entre veciñanza e visitantes.

Varela tamén valorou positivamente o labor de Borja Verea como candidato en Santiago xa que é unha persoa traballadora, con coñecemento da cidade e unha visión moderna; «merece ter a súa oportunidade», ainda que tamén destacou o perfil de María Baleato pola súa solvencia, discreción e capacidade de conectar coa xente, «unha combinación pouco habitual na política actual”.

Preguntado por un posible regreso á política, Varela respondeu con honestidade: “Non me vexo volvendo. Agora mesmo estou centrado na empresa, e o meu sitio está aquí”. A súa traxectoria, afirma, é un exemplo de que se pode facer país tamén desde a iniciativa privada: “Gústame pensar que axudamos a poñer Arzúa no mapa e que devolvemos algo á comunidade que nos viu medrar”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *