Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today15 junio, 2026
O Pazo de Congresos de Santiago acolleu este sábado unha nova edición do Canteira Rock Fest, o festival de fin de curso organizado por A Casa do Rock, que reuniu a máis de 800 músicos nunha intensa xornada marcada pola música, a emoción e a convivencia.
Alumnado de todas as idades compartiu escenario nun espectáculo que volveu poñer de manifesto o traballo formativo que a escola desenvolve durante todo o ano. Durante máis de catro horas e media sucedéronse as actuacións de bandas e grupos integrados por músicos de diferentes idades, nun ambiente festivo e familiar.
O evento congregou tamén a centos de familiares e amizades, que acompañaron aos participantes nunha cita xa consolidada como un dos momentos máis destacados do calendario da escola compostelá.
Ademais da programación musical, o público puido desfrutar dunha ampla oferta de actividades complementarias, con xogos, inchables, food trucks e distintas propostas pensadas para todas as idades, convertendo o festival nunha auténtica festa familiar arredor da música.
Desde A Casa do Rock destacan a excelente resposta do público e o gran ambiente vivido durante toda a xornada, nun evento que continúa medrando edición tras edición e que reafirma a aposta da escola pola formación musical práctica, a creación de bandas e a promoción da música en directo.
Con esta nova edición, o Canteira Rock Fest consolídase como a gran festa musical de A Casa do Rock, reunindo nun mesmo espazo alumnado, profesorado e familias nunha celebración compartida da aprendizaxe e da paixón polo rock.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)