Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 mayo, 2026
A música, a formación e o rock volverán ser protagonistas este verán en Santiago da man de A Casa do Rock. O director do centro, Adrián Hernández, pasou polos micrófonos de Radio Líder Santiago para presentar a nova edición do Canteira Rock Fest, unha cita que o vindeiro 13 de xuño converterá o Pazo de Congresos nun gran escenario musical con máis de 800 músicos participantes.
Durante a entrevista, Hernández destacou a evolución dun proxecto que naceu hai xa 15 anos coa intención de ofrecer unha formación musical especializada no rock e baseada nunha filosofía clara: “aprender tocando e desfrutando desde o primeiro día”. A Casa do Rock conta actualmente cun equipo formado por 15 profesionais e desenvolve actividades que van desde clases de instrumentos e combos ata teatro musical, estudo de gravación, concertos didácticos ou campamentos musicais para todas as idades.
Precisamente, un dos momentos máis destacados do ano chegará co Canteira Rock Fest, un evento que foi medrando progresivamente desde pequenos formatos ata consolidarse como unha das grandes citas musicais vinculadas á formación en Galicia. “Este festival evolucionou moitísimo nos últimos anos. Pasamos por salas pequenas, por Santa Isabel, polo Multiusos… e agora repetimos no Pazo de Congresos porque ofrece unha mellor acústica e unha experiencia espectacular”, explicou Adrián Hernández.
O festival contará con máis de catro horas e media de música en directo repartidas entre sesións de mañá e tarde, ademais de actividades paralelas pensadas para toda a familia, como food trucks, xogos, inchables ou espazos de lecer. Un dos aspectos máis singulares do evento é a dimensión do escenario, no que coincidirán simultaneamente decenas de músicos interpretando os mesmos temas. “Hai cancións nas que teremos once baterías, once guitarras ou máis de corenta persoas sobre o escenario ao mesmo tempo”, sinalou.
A programación combinará clásicos do rock de diferentes décadas con temas máis actuais e incluirá colaboracións especiais de bandas galegas consolidadas. Segundo Hernández, o obxectivo é “abrir novos mundos musicais e ofrecer alternativas aos máis novos”.
Durante a entrevista tamén houbo espazo para falar dos campamentos musicais de verán que A Casa do Rock organiza desde o ano 2015 e que cada ano reúnen a centos de nenos e nenas. Estes desenvolveranse entre os meses de xuño e xullo, ademais dunha última semana en agosto, e están dirixidos a participantes de entre 3 e 12 anos.
A proposta combina música, xogos e actividades ao aire libre nun formato pensado tanto para a aprendizaxe como para facilitar a conciliación familiar durante o verán. “Todos tocan instrumentos reais: baterías, guitarras, baixos, teclados… e cada día traballan con profesores e actividades diferentes”, explicou Hernández.
A programación inclúe tamén xogos musicais, percusión corporal, concertos didácticos, creación de bandas e obradoiros creativos, nun ambiente no que a convivencia e as amizades xogan un papel fundamental. “Moitos rapaces chegan sen experiencia previa e descobren aquí a súa paixón pola música. E o máis bonito é ver como despois crean bandas, seguen tocando xuntos e manteñen esas amizades”, destacou.
As entradas para o Canteira Rock Fest e toda a información sobre os campamentos de verán poden consultarse xa a través da páxina web de A Casa do Rock.
Escrito por Líder Redacción
a casa do rock Adrián Hernández A Casa do Rock Campamento A Casa do Rock Campamentos verano a Casa do Rock Canteira Rock Fest



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)