Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 diciembre, 2025
Arzúa, 9 de decembro de 2025. Arzúa pechou con éxito unha nova edición do Día do Comercio Local, que entre o 6 e o 8 de decembro reuniu un número histórico de participantes: 35 establecementos adheridos, a cifra máis alta dende que se celebra esta iniciativa. A pesar das condicións meteorolóxicas adversas das primeiras xornadas, a vila viviu un intenso ambiente festivo que encheu as rúas, os comercios e os locais hostaleiros.
As insistetes choivas dos días 6 e 7 obrigaron a aprazar o servizo do Tren Turístico, previsto como un dos principais atractivos. Finalmente, o tren puido operar con normalidade o día 8, ofrecendo viaxes continuas desde a Praza de Galiza e rexistrando unha gran acollida entre veciños e visitantes.
A coincidencia co día de feira matinal contribuíu a incrementar a afluencia, creando unha dinamización constante no casco urbano. A música tamén estivo moi presente: pola mañá, a Charanga BB+ percorreu o mercado e as rúas do centro, e xa pola tarde-noite a Rondalla Moraima e as Pandeireteiras de Montefurado animaron os locais hostaleiros participantes.
Durante a tarde do día grande, a Praza de Galiza converteuse nun punto de encontro familiar grazas aos inchables, obradoiros e actividades infantís, que atraeron a numerosos nenos e nenas.
O momento máis agardado chegou ás 20:30 horas coa celebración do sorteo do iPhone 16 entre todas as persoas que realizaron compras ou consumicións superiores a 5 euros nos establecementos adheridos. A premiada desta edición foi a veciña Esther Gómez Sueiro, tras efectuar a súa compra na Perfumería Chorima.
A concelleira de Promoción Económica, Begoña Balado, valorou moi positivamente esta edición e quixo destacar “a enorme implicación do comercio e da hostalaría de Arzúa, que cada ano demostrades unha vontade firme de seguir medrando e ofrecendo o mellor á veciñanza”. Engadiu que “esta resposta colectiva é a que nos permite impulsar iniciativas como esta e reforzar o papel do comercio de proximidade como motor económico do noso concello”.
Balado avanzou tamén que o Concello xa está a traballar en novas campañas de dinamización comercial para o Nadal e en accións que se desenvolverán ao longo de todo o ano 2026, co obxectivo de seguir apoiando o tecido empresarial local e fomentar o consumo responsable e próximo.
Co respaldo da cidadanía e a evolución crecente da participación, o Día do Comercio Local reafírmase como unha das citas máis destacadas do calendario económico e social de Arzúa.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)