Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today21 noviembre, 2025
Padrón. 21-11-2025.- A campaña Bonos Padrón. Padrón ten o que precisas está a recibir unha resposta moi positiva por parte dos negocios do municipio. O Concello agradece esta acollida polo que decidiu ampliar o prazo de inscrición ata o domingo 30 de novembro co obxectivo de facilitar que máis establecementos poidan incorporarse.
Máis de cincuenta comercios, locais de hostalería e aloxamentos xa forman parte da iniciativa desde que se abriu o período de inscrición o día 15. A resposta confirma que os negocios ven na campaña unha ferramenta útil para incentivar as compras durante o mes de decembro.
A inscrición seguirá activa dez días máis na web bonospadron.gal para todos os establecementos con actividade en Padrón, excepto supermercados, grandes superficies e venda ambulante. Esta adhesión permite aplicar os bonos e ademais sumarse á difusión municipal.
Como se realiza o cobro dos bonos
A iniciativa non supón custos para os establecementos. As persoas beneficiarias aboarán as compras empregando un bono desconto de 10 euros para compras iguais ou superiores a 20 euros que despois os establecementos adheridos deberán entregar no departamento de Turismo, xunto co o tícket ou factura correspondente.
O pagamento das cantidades descontadas realizarase unha vez presentada a documentación. O prazo para entregar os bonos e iniciar o procedemento de abono será do 1 ao 16 de xaneiro de 2026.
O material promocional está dispoñible na Oficina de Turismo. Inclúe carteis e distintivos que permiten identificar os locais participantes.
A campaña conta cun investimento municipal de vinte mil euros e pon á disposición da cidadanía dous mil bonos de dez euros. Poderán empregarse en compras realizadas entre o 1 e o 31 de decembro. A entrega dos bonos iniciarase o 1 de decembro de forma presencial, con prioridade para persoas empadroadas, na planta baixa da Escola Municipal de Música situada na Praza da Igualdade.
O Concello anima a todo o tecido comercial a sumarse e aproveitar esta oportunidade de impulso económico especialmente nun dos períodos de maior actividade do ano.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)