Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today27 junio, 2025
Ordes, [27/06/2025] — O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Ordes, a través da concelleira Noelia Rivadas López, levou ao último pleno municipal unha pregunta dirixida ao alcalde en relación cos datos recollidos no Informe de Fiscalización da Conta Xeral das Entidades Locais de Galicia do Exercicio 2023, elaborado polo Consello de Contas de Galicia.
Segundo este informe, o Concello de Ordes investiu en gasto social tan só 4,56 euros por habitante, o que o sitúa no posto 296 de entre 301 concellos galegos con datos dispoñibles. Esta cifra converte a Ordes no único concello galego de máis de 5.000 habitantes con un investimento social tan baixo.
A concelleira socialista destacou que “estamos á altura de concellos de menos de 1.500 habitantes como San Amaro, Leiro, Beariz, Pontedeva ou O Irixo”, e lembrou que no ámbito comarcal a comparación resulta aínda máis preocupante: Mesía destina 259,19 euros por habitante; Cerceda, 213,33 euros; Tordoia, 207,31 euros; e mesmo Frades, un dos que menos inviste, supera amplamente a Ordes con 28,38 euros por habitante.
Ante esta realidade, o goberno local respondeu no Pleno que «delegan case todos os servizos sociais na Mancomunidade». Para o PSdeG-PSOE, esta resposta non resolve a cuestión de fondo: “A delegación de competencias non exime da responsabilidade política nin xustifica o desleixo en políticas sociais municipais”. Ademais, outros concellos coma Frades teñen delegadas na Mancomunidade exactamente as mesmas competencias que Ordes e, aínda así, realizan un maior investimento por conta propia. Por suposto, non é casualidade que os concellos da contorna que máis invisten en políticas sociais (Cerceda e Mesía) teñan gobernos socialistas”, afirmou Noelia Rivadas.
O grupo socialista considera que o goberno local non pode escudarse indefinidamente na Mancomunidade para explicar a falta de investimento directo no benestar da veciñanza. “A realidade é que Ordes queda á cola de Galicia en gasto social e o goberno local nin o recoñece nin amosa vontade de reverter a situación”, conclúen desde o grupo municipal.
O PSdeG-PSOE de Ordes considera urxente unha reorientación das prioridades do goberno local para garantir unha política social acorde ás necesidades da veciñanza.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)