Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today28 febrero, 2024
Entre os recoñecementos que aprobará o Pleno municipal de febreiro que terá lugar mañá, 29 de febreiro, están o outorgamento das Medallas de ouro da cidade a Tareixa Navaza González e a Luís Pasín Noya; o nomeamento como Fillos predilectos de Santiago a Aurora (Aurichu) Pereira Carballo a título póstumo e de Ezequiel Méndez Vidal; e como Fillos adoptivos a José Porto Buceta e a título póstumo a Manuel Quintáns Suárez. Ademais, o Concello porá o nome de Luis Rial Suárez a unha rúa da cidade e instalará unha placa no seu recordo nun espazo público.
O Consello Asesor de Condecoracións, na súa sesión do pasado 31 de xaneiro, acordou que se trasladase ao Pleno a concesións das honras, títulos e distincións para sete figuras relevantes en diferentes ámbitos e cunha vinculación por nacemento ou residencia con Compostela. Deste xeito, tras o visto e prace da Corporación municipal, o Concello recoñecerá a traxectoria profesional do pintor Luís Pasín Noya e da xornalista Tareixa Navaza co outorgamento de cadansúa Medalla de Ouro. A pintora Aurora (Aurichu) Pereira Carballo recibirá o título Filla predilecta a título póstumo, honra que tamén irá para o divulgador e activista cultural Ezequiel Méndez Vidal. O párroco José Porto Buceta e o profesor Manuel Quintáns Suárez a título póstumo, serán nomeados Fillos adoptivos da cidade e o Concello colocará unha placa e porá o nome a unha rúa do histórico xornalista radiofónico Luis Rial Suárez, finado o pasado mes de xaneiro.
Segundo se recolle no Regulamento de títulos, honras e condecoracións do Concello de Santiago, os títulos de Fillo ou Filla predilectos e adoptivos, poderanse outorgar ás persoas «que destacasen polos seus méritos ou calidades persoais, especialmente nos ámbitos cultural, científico, social, artístico, deportivo, político ou económico, ou por servizos prestados en beneficio da cidade», nadas no Concello de Santiago ou cuxa vida transcorrese maioritariamente no municipio, no caso dos Fillos predilectos, ou que sen naceren no municipio manteñan vínculos persoais con el, no caso dos Fillos adoptivos.
Ao respecto do nomeamento de rúas, o antedito Regulamento dispón que lle corresponde ao Pleno da Corporación «outorgar a vías municipais ou establecementos, centros ou instalacións do Concello de Santiago de Compostela o nome de persoas físicas, organismos, institucións e entidades que, a xuízo da Corporación, reúnan méritos suficientes, sexa por servizos e actividades especiais realizados a favor da cidade no caso de organismos, institucións ou entidades, ou pola súa relevancia indiscutible no ámbito científico, cultural, artístico, deportivo, social etc, no caso de persoas físicas».
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)