AD

Deportes

O Concello e Monbus Obradoiro visibilizan a violencia contra as mulleres no deporte

today24 noviembre, 2023

Background
share close
AD

24/11/2023.- Co obxectivo de fomentar a igualdade e condenar a violencia machista no mundo do deporte, o Monbus Obradoiro dará visibilidade este sábado á campaña municipal ‘O teu machismo dá noxo’ durante o seu partido contra o Coviran Select no marco do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Estas accións foron prensentadas esta mañá no Pazo de Raxoi nunha rolda de prensa que contou coa presenza da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, a concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, acompañadas de Moncho Fernández, adestrador, Rafa Silva, membro do Consello de Administración do Monbús Obradoiro e Juan Vázquez, xerente de Ferrecal.

A alcaldesa recordou que un dos obxectivos da campaña «O teu machismo dá noxo» lanzada polo co Concello de Santiago con motivo do 25N é «pór o foco de atención na prevención das violencias contra as mulleres no ámbito deportivo» reivincando «o dereito á participación en igualdade das mulleres no deporte e tamén a absoluta condena ás violencias machistas que se reproducen desde as entidades de base até a práctica deportiva profesional».

A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, adiantou que durante a xornada do 25N en todas as instalacións deportivas de Santiago haberá lonas coa lema ‘o machismo, sen prórroga’. «Moitos clubs sumáronse a esta campaña, condenando as violencias machistas no ámbito deportivo» e en concreto, durante o partido do Monbus Obradoiro e o Coviran Selecta «amosarase unha lona con esa lema e no descanso faranlle unha homenaxe aos colectivos implicados nesta campaña. Esperamos un gran espectáculo e desexamos a quinta vitoria da Obra», engadiu a edila.

O seguinte en tomar a quenda de palabra foi Rafa Silva, membro do Consello de Administración do Monbus Obradoiro que recordou que «a loita contra o machismo é un obxectivo global, de todos, e non podiamos quedar á marxe. Queremos participar en todo o que sexa posible desde o punto de vista deportivo para mellorar a convivencia e que se acabe o machismo».

Pola súa banda, Juan Vázquez, xerente de Ferrecal, patrocinador do encontro de mañá entre Monbus Obradoiro e Coviran Selecta, sinalou que «estamos orgullosos de que este encontro sexa nunha data tan significativa como o 25N, na que todos unimos forzas para eliminar a violencia contra a muller. O deporte é unha canle óptimo para promocionar, dentro do seu valor, todas estas accións».

Por último, o adestrador do Monbus Obradoiro, Moncho Fernández, subliñou o compromiso da entidade contra a violencia de xénero subliñando que «o deporte é un espello no que se mira moita xente. Por iso temos unha responsabilidade moi grande. A loita é de todos e estas campañas sérvenos para concienciarnos da importancia da igualdade e da loita contra a violencia contra as mulleres».

O Monbus Obradoiro xogará mañá, ás 18:00 horas na Caldeira (M+Dep3), o encontro correspondente á xornada 11 da liga Endesa ante o Coviran Selecta. O equipo compostelán buscará o seu quinto triunfo da tempada nunha data sinalada como é o 25N, Día da Eliminación da Violencia contra a muller.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%