AD

Actualidad

O Concello destina máis de 1.200.000 euros para as obras de mellora do Vero Boquete

today28 octubre, 2024

Fondo
share close
AD

28/10/2024-. O executivo municipal deu luz verde esta mañá á solicitude dunha subvención á Deputación da Coruña para cofinanciar a primeira fase de obras para a mellora das instalacións do Estadio Vero Boquete. A Xunta de Goberno local tamén aprobou o proxecto de reurbanización da rúa Puente La Reina, cun orzamento base de licitación de 493.294,01 euros e a adxudicación do contrato de luces de Nadal á empresa ILUMINACIONES SANTIAGUESAS SL, por un importe de 263.780 euros. Destes e outros asuntos tratados en Xunta de Goberno deron conta en rolda de prensa a voceira do Goberno municipal, Míriam Louzao, e a concelleira de Deportes, Pilar Lueiro.

Na rolda de prensa desta mañá, Pilar Lueiro anunciou o visto e prace por parte do executivo municipal para solicitar unha subvención á Deputación de A Coruña que permitirá sufragar parte das obras de execución da primeira fase do Plan Integral de rehabilitación do estadio municipal Verónica Boquete que se centrarán «na cuberta, fachada e soportais». O investimento total para esta fase será de 1.292.790,67 euros, que se financiará coa axuda de 850.000 euros por parte da Deputación e unha achega municipal de 442.790,67 euros. As obras terán unha duración de catro meses.

A concelleira de Deportes detallou que a intervención se realizará no saneamento e pintado dos elementos prefabricados da fachada, o que incluirá a limpeza con auga das superficies, a aplicación dun revestimento especial, a reconstrución das zonas fortemente danadas, e o selado das xuntas abertas entre as pezas da fachada e a estrutura portante.

Ao respecto do revestimento da cuberta, levaranse a cabo labores de eliminación dos restos de suciedade, a aplicación dun revestimento de impermeabilización líquida de cubertas e a substitución dos paneis de policarbonato. Tamén se realizarán tarefas de saneamento e pintado dos soportais.

De xeito complementario, a Xunta de Goberno tamén aprobou a «Aplicación de medidas correctoras para o Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro segundo o Estudo integral de patoloxías (Fase III)».

Pilar Lueiro reiterou o compromiso do Concello para mellorar as instalacións deportivas e dotar á cidade dos espazos que «Compostela merece» e reclamou a colaboración de todas as administracións para acadar este fin.

Reurbanización da rúa Puente La Reina

A Xunta de Goberno tamén deu luz verde ao proxecto de reurbanización da rúa Puente La Reina, cun orzamento base de licitación de 493.294,01 € e un prazo de execución previsto de 5 meses.

En concreto, Míriam Louzao explicou que se actuará na rúa de Puente la Reina, entre os tramos xa reurbanizados en 2019 da rúa de Batalla de Clavijo e da escalinata de Bispo Teodomiro. O obxectivo desta intervención é mellorar o estado actual das beirarrúas, da calzada, das bandas de aparcamento, e das árbores da vía. Así, o proxecto pretende levar a cabo un mellor dimensionamento das beirarrúas, da banda de aparcamento e da calzada, permitindo «unha doada integración da circulación do peón en toda a rúa». En total actuarase sobre unha superficie de duns 1.415 metros cadrados.

Tamén se procederá a substituír as redes de abastecemento obsoletas, separar a recollida de augas residuais e pluviais, e construír unha nova rede de telecomunicacións.

Contratos

Tamén se acordou a adxudicación do contrato mixto do alumeado de Nadal 2024 á empresa ILUMINACIONES SANTIAGUESAS SL, que presentou unha proposición económica de 263.780 euros (base impoñible de 218.000 € máis IVE do 21% de 45.780 €).

Ademais, o executivo municipal deu luz verde ao expediente que ten por obxecto a concesión por procedemento aberto de uso privativo de dominio público municipal para a instalación de contedores para a recollida de aceite de cociña usado no Concello de Santiago, cun canon mínimo da concesión de 2.686,76 euros.

O número de contedores necesarios para atender as necesidades estímase en 74 unidades, pero poderán presentarse propostas alternativas motivadas para a instalación dos contedores atendendo ás densidades de poboación e ás actividades de cada zona, cubrindo a totalidade do termo municipal. A empresa concesionaria terá un prazo de un mes para o seu despregamento tras a formalización da concesión e de 15 días para os bidóns destinados a festas e eventos populares.

Outras obras

O executivo municipal tamén aprobou a certificación final das obras de mellora da accesibilidade ao barrio de Pontepedriña, realizadas pola empresa ÁREA PROYECCIÓN, CONSTRUCCIÓN Y SERVICIOS, SLU cun orzamento de 14.196,06 euros, e das obras de rehabiliatción de firme, mellora da seguridade viarias e accesibilidade na rúa dos Camiños dos Vilares, no tramo entre a rúa Camiños da Vida e a rúa de Follas Novas, executada por FRANCISCO GÓMEZ Y CIA, S.L. cun importe total de 8.444,05 euros.

Convenios

Tamén se aprobou un convenio de colaboración co Mercado de Abastos por 10.000 euros para a promoción das vantaxes do consumo do produto local de tempada, a economía circular, a promoción de bonos para os aparcamentos e o servizo a domicilio do mercado, e outros coa Xunta de Confrarías de Semana Santa para o desenvolvemento dun programa de actividades e promoción da Semana Santa por 3.000 euros.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *