AD

Destacado

O debate político en Santiago crece pola parálise no pago de facturas e incluso polo 25N

today1 diciembre, 2025

Fondo
share close
AD

O espazo de análise política Hai Debate en Radio Líder Santiago reuniu este luns a representantes dos catro grupos políticos con presenza no Concello de Santiago para abordar dous asuntos que marcaron a actualidade municipal: a polémica protesta da CIG diante da sede do Partido Popular con motivo do 25N e a decisión do Pleno de non aprobar o pago de 1,3 millóns de euros en facturas atrasadas a provedores e autónomos.

No debate participaron Xan Duro (Compostela Aberta), Marta Abal (PSOE), Nerea Barcia (PP) e Manuel César (BNG), nunha sesión marcada pola tensión dialéctica e a constante chamada á “responsabilidade” e ao “diálogo” entre goberno e oposición.

O 25N e a protesta fronte á sede do PP

A primeira parte do programa centrouse nas protestas realizadas pola CIG diante da sede local do Partido Popular coincidindo co Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres (25N). Os participantes coincidiron en condenar calquera tipo de comportamento violento ou insultante, aínda que desde o PP lamentouse a falta dunha condena máis explícita por parte dalgúns grupos.

Nerea Barcia insistiu en que “hai que condenar os comportamentos violentos con claridade e sen matices”, mentres que Xan Duro e Manuel César fixeron fincapé na necesidade de “non desviar o foco” e centrar o debate nas políticas reais de igualdade e nas accións de prevención da violencia de xénero.

Marta Abal apelou á unidade institucional e á importancia de que “a mensaxe do 25N non se contamine con confrontacións partidarias”, lembrando que “o importante é o que se faga a partir do 25N”.

A pesar das diferenzas retóricas, todos os portavoces coincidiron en defender o traballo institucional para avanzar na igualdade e en rexeitar os comportamentos agresivos ou despectivos que poidan producirse en actos públicos, como os acontecidos en dita protesta, sufridos polo director deste medio, e polos que foi precisa a intervención policial para garantir a súa seguridade.

 O “non pago” de 1,3 millóns de euros en facturas: a fractura no Pleno

O segundo bloque do debate xirou arredor da votación no Pleno municipal na que non se aprobou o pagamento de 1,3 millóns de euros en facturas pendentes a pequenas empresas, PEMES e autónomos. Un episodio cualificado por varios participantes como “inaudito” e “sintomático da falta de diálogo político”.

Manuel César, concelleiro de Facenda, defendeu que o goberno “fixo o posible por desbloquear expedientes atrasados dende 2021” e acusou ao Partido Popular de actuar con “irresponsabilidade” ao votar en contra e impedir o pago.

En cambio, Nerea Barcia xustificou o voto negativo asegurando que “faltou transparencia e comunicación” por parte do executivo local e que o PP “non será cómplice da súa mala xestión”.

Desde o PSOE, Marta Abal fixo un chamamento á responsabilidade colectiva: “O que non se pode facer é dar unha bofetada ao goberno na cara dos provedores. Hai familias e nóminas pendentes de cobrar”, sinalou.

Xan Duro, pola súa banda, apelou ao “sentido común e á responsabilidade compartida” e criticou a ambos bloques por manter “un xogo de reproches que prexudica directamente á cidadanía”.

Un pleno marcado pola «soberbia» e pola «falta de comunicación»

Durante o debate repetíronse expresións como “soberbia”, “falta de diálogo” e “culpas cruzadas”, síntoma do clima político no Concello compostelán. Tanto goberno como oposición asumiron posturas defensivas: o BNG e Compostela Aberta responsabilizando ao PP do bloqueo, e os populares denunciando “opacidade e improvisación” no equipo de goberno. O PSOE situouse nunha posición máis conciliadora, pedindo “altura política e empatía co tecido económico local”.

Ao final, houbo coincidencia parcial: a urxencia de que se desbloqueen as facturas e se garantan os pagos ás pequenas empresas, que “non poden ser vítimas do xogo político”.

O Hai Debate desta semana deixou patente que, en Santiago, a confrontación política continúa eclipsando a cooperación institucional. Tanto na xestión das protestas do 25N como na crise do pago das facturas, os catro grupos evidenciaron coincidencias nos obxectivos —defender a igualdade e garantir o cobro ás PEMES— pero tamén unha fonda fractura nos métodos e na comunicación.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *