Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today25 enero, 2024
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza para o Entroido unha programación de actividades que dará comezo o domingo 4 de febreiro co xa anunciado concurso de disfraces que se celebrará a partir das 17:00h no Multiusos Terra do Queixo onde se desenvolverán as actuacións dos participantes e se fará a entrega dos premios que superan os dous mil euros repartidos entre as categorías de comparsas, grupos, individual infantil, individual adulto e simpatía. O concurso celebrarase co público sentado e cos concursantes facendo a súa intervención sobre escenario nunha gala que estará presentada polo humorista arzuán Xan Veiga. A apertura de portas farase unha hora antes do inicio.
As actividades continúan o sábado 10 coa actuación da agrupación folclórica O Bringuelo cunha exhibición de música e baile tradicional na que varias das pezas son propias do Entroido. A actuación será na Praza de Galiza ás 18:30h. En caso de mal tempo, trasladarase ao Multiusos Terra do Queixo.
A programación complétase na tarde do martes de Entroido, o día 13 de febreiro, cun baile de disfraces en horario de 17:00 a 20:00h que contará con inchables, chocolatada popular e coa actuación do dúo musical Estrellas. Estas actividades realizaranse na Praza de Galiza ou, en caso de mal tempo, no Multiusos Terra do Queixo.
Por último, o Departamento de Cultura insiste na novidade da programación deste ano, o concurso de elaboración de mecos. Toda persoa ou colectivo pode facer o seu meco e enviar unha foto do mesmo ao correo cultura@concellodearzua.com antes do 8 de febreiro ás 14:00h. O meco deberá estar colocado nun lugar visible (balcón, galería, establecemento comercial, centro educativo…). Haberá un prazo de votación popular no que para votar o meco favorito farase cun “gústame” na paxina de Facebook e Instagram do Departamento de Cultura do 9 ao 15 de febreiro. O día 16 de febreiro publicaranse os gañadores que se farán con tres premios dotados de 300, 120 e 80 euros para os tres máis votados.
O concelleiro de Cultura, José Luís García, anima “a toda a veciñanza a participar activamente nestas festas que significan moito para as nosas tradicións e cultura”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)