AD

Actualidad

O Entroido de Arzúa reforzase con dúas citas impulsadas por Frela Entroideira co apoio das concellerías de Turismo e Cultura

today27 enero, 2026

Fondo
share close
AD

O Entroido volverá ter un protagonismo especial en Arzúa coas dúas citas organizadas polo colectivo veciñal Frela Entroideira, unha iniciativa nacida do compromiso e da implicación da veciñanza, que conta co respaldo do Concello de Arzúa.

As actividades desenvolveranse os días xoves 12 de febreiro, coincidindo co Xoves de Comadres, e sábado 14 de febreiro, coa celebración da 2ª Frela Entroideira, dúas xornadas pensadas para reforzar o ambiente festivo e a convivencia arredor do Entroido arzuán.

Un colectivo veciñal implicado co Entroido

Frela Entroideira está formado por catro veciños e veciñas de Arzúa que viven o Entroido con especial implicación e ilusión, e que decidiron dar un paso adiante para dinamizar a festa desde a participación cidadá. O colectivo está integrado por Eva Rodríguez, policía local; Susana Veiga, da perruquería Su & Su; Ana García, de Arzugráfica; e Manolo Vázquez, cuponero de Arzúa.

Desde esta iniciativa veciñal impulsan propostas abertas, participativas e pensadas para todos os públicos, co obxectivo de sumar ambiente, tradición e convivencia durante o Entroido.

Xoves de Comadres, o 12 de febreiro

A primeira das citas terá lugar o xoves 12 de febreiro, coa celebración do Xoves de Comadres, cunha xuntanza no Bar Praza ás 21.00 horas, que estará amenizada pola charanga Santa Compaña.

Esta actividade conta co respaldo da Concellería de Turismo, dirixida por Begoña Balado, que asumirá a animación musical da xornada. Desde a organización poranse á disposición das persoas participantes kits de comadre, cun prezo de 3 euros, e recoméndase acudir disfrazadas ou vestidas de negro e con moita frela.

2ª Frela Entroideira, o 14 de febreiro

O Entroido continuará o sábado 14 de febreiro coa celebración da 2ª Frela Entroideira, unha xornada festiva que incluirá vermú polos bares e rúas da vila, con animación musical, así como un xantar de cocido, tardeo e baile de Entroido co Dúo Calibre.

O xantar terá lugar ás 15.00 horas no Multiusos Terra do Queixo. As entradas poden adquirirse na Administración de Loterías Rei Midas e a través dos membros da organización, cun prezo de 13 euros para nenos e nenas e 32 euros para adultos.

A animación musical desta xornada será asumida pola Concellería de Cultura, que dirixe José Luis García, reforzando o apoio municipal a unha cita que combina tradición, música e convivencia.

Apoio municipal ás iniciativas veciñais

A concelleira de Turismo, Begoña Balado, destacou que «é unha satisfacción apoiar iniciativas que nacen da veciñanza e que contribúen a manter viva e a reforzar a tradición do Entroido en Arzúa».

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, José Luis García, sinalou que «propostas como as impulsadas por Frela Entroideira amosan o valor do compromiso veciñal e contribúen a ampliar a programación do Entroido, favorecendo a participación e a convivencia».

Estas dúas citas promovidas por Frela Entroideira súmanse á ampla programación de Entroido que impulsa a Concellería de Cultura do Concello de Arzúa, cun calendario de actividades pensado para favorecer a participación veciñal e dinamizar a celebración ao longo dos vindeiros días.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *