Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 marzo, 2026
A presenza do galego na tecnoloxía, o impulso á súa normalización social e a importancia de chegar ás novas xeracións centraron boa parte da conversa mantida co secretario xeral da Lingua, Valentín García, nunha entrevista radiofónica na que debullou os retos e oportunidades actuais do idioma. O responsable autonómico subliñou que a promoción lingüística debe abarcar todos os espazos da sociedade, incluídos os ámbitos dixitais que marcarán o futuro da comunicación.
Durante a conversa, García insistiu en que a lingua galega debe situarse ao mesmo nivel que outras linguas tamén nas novas tecnoloxías. “É fundamental que o galego estea aí, coa mesma capacidade de oportunidade ca as grandes linguas do mundo”, asegurou, ao referirse ao desenvolvemento de ferramentas baseadas en voz e intelixencia artificial que cada vez gañan máis peso na vida diaria.

O secretario xeral explicou que a súa actividade diaria abrangue numerosos ámbitos sociais, desde os centros educativos ata os medios de comunicación ou as institucións. “O galego, como calquera lingua, é un ámbito moi transversal á hora de traballar con el”, afirmou, lembrando que a promoción lingüística require presenza constante en múltiples espazos da vida pública.
Segundo detallou, a Secretaría Xeral da Lingua colabora con sectores moi diversos, desde as forzas de seguridade ata colectivos relixiosos ou tecnolóxicos, co obxectivo de ampliar os ámbitos de uso do idioma. Para García, esa diversidade é precisamente o que fai especialmente atractivo o seu labor: “O feito de traballar coa lingua dá unha capacidade de relación con moitísimos ámbitos distintos da sociedade”.
Un dos puntos clave da entrevista foi a presenza do galego nas tecnoloxías emerxentes. García explicou que os sistemas de intelixencia artificial e os asistentes de voz aprenden en función do uso que fan deles os usuarios, polo que empregar galego nas interaccións dixitais resulta fundamental.
“Cada vez que fagamos unha busca ou falemos cunha máquina debemos facelo en galego, porque os algoritmos detectan a lingua e aprenden dela”, indicou. Canto maior sexa o número de interaccións en galego, máis posibilidades terá a lingua de integrarse de maneira natural nestas plataformas tecnolóxicas.
Neste contexto, destacou iniciativas como o Proxecto Nós, que pon a disposición das empresas tecnolóxicas bases de datos lingüísticas e de voz para facilitar a incorporación do galego a aplicacións e servizos dixitais. Grazas a este tipo de recursos, segundo explicou, cada vez aparecen máis ferramentas que ofrecen opción de uso en galego.
Outro dos avances recentes mencionados durante a entrevista é a posibilidade de realizar os exames oficiais de galego desde calquera lugar do mundo. García lembrou que a Xunta puxo en marcha probas telemáticas para obter o certificado Celga, unha iniciativa que facilita o acceso a persoas residentes no exterior.
“Xa podemos examinar a persoas que estean en Bos Aires, en Suíza ou en calquera parte do mundo, e se superan a proba reciben o certificado oficial”, explicou. Un sistema que xa foi probado nun proxecto piloto con máis dun cento de participantes e que abre novas vías para a difusión internacional da lingua.

O secretario xeral tamén se referiu ao novo Plan Xeral de Normalización Lingüística, actualmente en fase de elaboración. O documento pretende actualizar as políticas públicas de promoción do galego e, segundo García, sería desexable que contase co respaldo de todas as forzas políticas.
“A lingua é unha causa de todos e non debería estar suxeita á disputa política partidaria diaria”, afirmou, defendendo a importancia de alcanzar un consenso amplo que permita fortalecer o uso do galego na sociedade.
Na recta final da entrevista, García destacou tamén a importancia de conectar coa mocidade a través de novos formatos de comunicación e proxectos educativos como o Fala que Fala, que impulsa Radio Líder, para fomentar o uso do idioma. Para o secretario xeral, o futuro da lingua depende en gran medida das novas xeracións.
“Na mocidade está o futuro de moitas cousas, e tamén o da lingua”, concluíu, facendo fincapé na necesidade de impulsar iniciativas que acheguen o galego ás formas de comunicación que predominan entre os máis novos.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)