AD

Actualidad

O incendio en Pontepedriña prende de novo o debate político

today17 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD

As primeiras dúas edicións do espazo Hai Debate, en Radio Líder Santiago, deixaron en evidencia a intensidade política que se vive na capital galega. Nestes encontros, os portavoces municipais discutiron sobre o incendio do pasado sábado en Pontepedriña e a situación do parque de bombeiros, así como os orzamentos 2026 da Xunta de Galicia destinados á capital.

Participaron Manuel César (BNG), María Baleato (PP), Marta Abal (PSOE) e María Rozas (Compostela Aberta).

Seguridade e bombeiros: un incendio en Pontepedriña que reavivou o debate

O lume declarado nun edificio do barrio compostelán de Pontepedriña volveu colocar a seguridade cidadá no primeiro plano. O BNG, que goberna en Santiago, defendeu a súa actuación fronte ás críticas da oposición.

O concelleiro Manuel César asegurou que “en ningún caso estivo pechado o Parque de Bombeiros, no noso concello ningún dos días” e explicou que “o incendio produciuse nun cuarto do primeiro andar, que foi rapidamente controlado”. Engadiu que o sucedido foi “moito máis chamativo polo fume que polo lume” e que “en sete minutos estaban alí as dotacións”.

A popular María Baleato considerou inaceptable restarlle importancia ao suceso: “A min sorpréndeme moitísimo que acabo de escoitar en boca do compañeiro de Manuel César quitar de importancia un incendio. Paréceme algo moi irresponsable (…). Preguntámonos que máis ten que pasar para que o goberno municipal reaccione”.

A voceira do PP pediu medidas urxentes e lembrou que a alcaldesa ten “unha responsabilidade xurídica, política e penal no caso de que sucedese unha desgracia”, reclamando tamén “que se paguen as horas extras e se busquen solucións inmediatas”.

Pola súa parte, Marta Abal subliñou que o PSOE leva tempo advertindo da precariedade no servizo: “O Partido Socialista leva denunciando esta situación dende hai semanas (…). A día de hoxe hai doce prazas que están sen ocupar”.

Criticou a “falta de capacidade da alcaldesa Goretti San Martín para xestionar o día a día” e pediu que “esas prazas se convoquen antes de final de ano, porque a situación é límite”.

Desde Compostela Aberta, María Rozas defendeu o traballo dos profesionais e achegou precisións técnicas sobre a actuación: “Efectivamente, había catro efectivos no parque de Santiago, un número que non é o ideal, pero os catro chegaronse ao lugar do incendio. A situación era máis complexa polo fume, non polo lume”.

A concelleira explicou que “moitas persoas saíron deixando as portas abertas, e iso fixo que o fume subise por todo o edificio” e aclarou que “Brión si participou no operativo, mentres que Ordes chegou cando o incendio xa estaba apagado”.

O debate rematou cunha pregunta que deixaron tanto socialistas como populares: “Está Santiago preparada para afrontar un incendio de maiores dimensións?”, formulou Abal. “A resposta, eu creo que a sabemos todos”, engadiu.

A propia Baleato concluíu: “Comparto con Marta a pregunta, porque se se produce outra incidencia ao mesmo tempo, non teriamos efectivos para atendela. A cidade non está preparada”.

Os orzamentos da Xunta: promesas e decepcións

Os mesmos protagonistas analizaron as partidas dos Orzamentos 2026 da Xunta destinadas á capital. O ton volveu ser crítico e, por momentos, ácido.

Abriu o debate o nacionalista Manuel César, que expresou a súa frustración: “Foi unha decepción enorme coñecer que o Estatuto de Capitalidade só aumenta a 3 millóns. Pasamos de 2,6 a 3 millóns, cando os estudos falan dunha necesidade de 8 millóns (…). Incumprindo o Estatuto ano tras ano é moi difícil cubrir todas as necesidades”.

César lamentou que “os orzamentos da Xunta esqueceron Santiago” e que “non se ven novos investimentos na cidade salvo o que había de maior e pouco máis”.

A popular María Baleato respondeu cun ton firme e con datos sobre investimentos: “En sanidade destínanse máis de 60 millóns de euros para ampliación do centro hospitalario e do centro de protonterapia; 825.000 euros para o centro de saúde de Conxo; 12 millóns para a nova Facultade de Farmacia; 12,7 millóns para os Centros de Investigación de Excelencia”.

Engadiu que “pasamos de 2,4 millóns a 3 millóns no Estatuto de Capitalidade, un incremento do 25% en dous anos” e concluíu que “a aposta da Xunta por Santiago é decidida”.

Desde o PSOE, Marta Abal discrepou: “Estamos moi defraudados. Santiago está discriminada pola Xunta de Galicia (…). A inversión en materia deportiva é exactamente igual a cero. O parque endoclínico non sabemos en que punto está, e o contrato do polígono da Sionlla leva meses en fase de licitación. É un insulto á intelixencia humana consignar esa cantidade”.

Tamén sinalou que “a Xunta non paga nin á Real Filarmonía de Galicia, que é a súa propia orquestra”.

A voceira de Compostela Aberta, María Rozas, centrou o seu discurso na dimensión social dos orzamentos: “Os orzamentos da Xunta non afrontan ningunha das principais preocupacións da xente. Non afrontan o drama da vivenda, nin a situación da sanidade pública (…). É vergonzoso que haxa esperas de ano e medio para valoracións de dependencia”.

Engadiu que “ampliar instalacións da Xunta non é investir para os veciños e veciñas de Santiago” e que “cada ano vemos a mesma película: as vivendas de Xoán XXIII seguen igual vinte anos despois”.

Na quenda final, César volveu cargar contra a falta de investimento real en vivenda: “A única cifra que encontramos nos orzamentos son 100.000 euros para adquirir solo para vivenda protexida. É o único que hai”.

E Abal concluíu cunha crítica ao propio goberno local: “O Concello non nos chama, non dialoga con nós. Da igual que teñamos os orzamentos máis altos da historia en Santiago se logo o nivel de execución ronda o 20%”.

Compostela, entre o lume e as cifras

Os dous debates amosaron unha cidade en tensión política permanente. Dende a seguridade ata o financiamento, a diagnose é coincidente: hai problemas estruturais, pero as receitas para solucionalos diverxen radicalmente.

O BNG defende o seu labor e acusa á Xunta de desleixo. O PP carga contra a alcaldesa por inacción. O PSdeG reclama planificación e execución. E Compostela Aberta aposta por diálogo e realismo.

Entre incendios e orzamentos, Santiago continúa a buscar estabilidade, mentres as ondas de Radio Líder Santiago deixan claro que, polo menos no plano político, o lume segue aceso.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *