Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today7 octubre, 2026
O Museo da Maxia de Galicia inicia unha nova tempada cunha importante novidade: a creación da súa Escola de Maxia, un novo proxecto educativo que abrirá as súas portas o vindeiro 19 de outubro e que permitirá a nenos e adultos achegarse ao mundo do ilusionismo da man de profesionais.
A posta en marcha da escola supón un novo paso na actividade do Museo da Maxia de Galicia, que amplía así a súa proposta cultural para combinar a divulgación da historia do ilusionismo coa formación e coa programación de espectáculos.
A Escola de Maxia contará con cursos destinados tanto ao público infantil como adulto, pensados para introducirse na arte do ilusionismo e desenvolver as diferentes habilidades vinculadas á maxia. Para presentar o novo proxecto, a primeira clase será totalmente gratuíta. As persoas interesadas xa poden consultar a información e formalizar a súa inscrición a través da páxina web oficial do museo.
Programación e maxia de preto
A nova tempada chega acompañada, ademais, dunha programación estable de espectáculos de maxia de preto, coa intención de consolidar o Museo da Maxia como un espazo de referencia para o ilusionismo en Galicia.
A programación estruturarase en dúas liñas principais. EnXebres estará dedicada a dar visibilidade aos mellores talentos do ilusionismo galego, mentres que PeregrinaXes achegará a Santiago figuras de prestixio e recoñecemento internacional.
A programación de espectáculos continuará mañá, venres, día 9 coa quenda de Miguel Ángel Gea, considerado un dos magos españois de maior proxección e recoñecemento internacional, que presentará o espectáculo Escenas.
Esta nova programación dá continuidade á actividade iniciada polo Museo da Maxia de Galicia tras a apertura, o pasado mes de maio, do seu novo espazo expositivo. Durante a tempada alta, a visita guiada «Estrelas da Maxia Galega» permitiu achegar a historia do ilusionismo galego a centos de visitantes locais e internacionais.
Con esta nova tempada, o Museo da Maxia de Galicia reforza a súa vocación como espazo de divulgación, formación e exhibición arredor da maxia e do ilusionismo, cunha programación destinada tanto ao público local como aos visitantes de Santiago e de Galicia.
As reservas para os espectáculos, as inscricións na Escola de Maxia e as visitas guiadas ao espazo museístico xa están dispoñibles na web oficial do museo: www.museodamaxia.gal.
Escrito por Líder Redacción
escola de maxia maxia Museo da Maxia de Galicia Santiago de Compostela


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)