AD

Actualidad

O Pan de Leis, entre as 50 mellores panadarías de España

today15 septiembre, 2026

Fondo
share close
AD

A panadaría compostelá recibiu en Bilbao unha das Estrelas DIR-Informática da Panadaría, que recoñecen aos Panadeir@s TOP de España 2026

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2026. O Pan de Leis vén de ser recoñecida como unha das 50 mellores panadarías de España na Ruta de l@s 50 Panader@s TOP de España 2026, organizada por Pan de Calidad e Panàtics.

A distinción foi entregada este pasado luns, 14 de setembro, en Bilbao, no marco do Bilbao Global Bakery Forum, un encontro que durante dúas xornadas reuniu profesionais, investigadores, empresas e institucións para compartir coñecemento e abordar algúns dos principais retos de presente e futuro da panadaría.

O Pan de Leis recibiu unha das Estrelas DIR-Informática da Panadaría Española, o recoñecemento co que a organización distingue aos Panadeir@s TOP de España e pon en valor o traballo e a calidade da panadaría artesá. Trátase da cuarta Estrela que recibe O Pan de Leis, consolidando así a súa presenza entre os obradoiros recoñecidos a nivel estatal.

Para O Pan de Leis, esta distinción supón un recoñecemento a unha forma de entender o oficio construída ao longo de tres xeracións, pero tamén ao traballo diario dun equipo que mantén esa tradición e a fai evolucionar.

“Recibir este recoñecemento por cuarta vez fainos moita ilusión e, sobre todo, é un recoñecemento ao traballo de todo o equipo. Detrás de cada pan hai moitísimas horas de traballo, esforzo e persoas que cada día intentan facer as cousas un pouco mellor.

Os premios son unha satisfacción e anímannos a seguir mellorando e innovando, pero o verdadeiramente importante é que cada día os nosos clientes leven para a casa un bo pan, saboroso e saudable, e que sigan confiando en nós”, sinala Fernando Leis.

Esta vontade de seguir mellorando e innovando tradúcese tamén en novos proxectos. O Pan de Leis traballa actualmente no desenvolvemento dunha nova liña de pans cun especial foco no seu valor nutricional, que dará a coñecer proximamente e coa que busca seguir ampliando a súa proposta sen perder de vista o sabor, a calidade das materias primas e o coidado dos procesos de elaboración.

Santiago, presente entre os recoñecementos

A edición de 2026 dos Panadeir@s TOP deixou tamén unha destacada presenza galega e, en particular, compostelá. Xunto a O Pan de Leis, Alex Arrieche, de Sabores, recibiu a súa primeira Estrela DIR-Informática, situando así a dous negocios de Santiago entre os recoñecidos nesta edición.

Para O Pan de Leis, trátase ademais dunha alegría especialmente próxima, xa que Arrieche, compañeiro de profesión, formou parte do equipo da panadaría anos atrás, antes de continuar a súa traxectoria profesional co seu propio proxecto en Compostela.

A presenza de ambos os negocios entre os recoñecidos súmase á doutros profesionais e obradoiros galegos nesta edición, poñendo de manifesto o peso e a calidade da panadaría galega no panorama estatal.

Tres xeracións facendo pan

A historia de O Pan de Leis está ligada á tradición panadeira familiar e ao relevo entre xeracións. Tres xeracións dunha mesma familia contribuíron a construír un proxecto que mantén o respecto polo oficio e polos procesos de elaboración ao tempo que continúa evolucionando e incorporando novos coñecementos, produtos e formas de facer pan.

Hoxe, O Pan de Leis mantén esa combinación entre tradición e innovación, coa calidade do produto como eixo central e coa vontade de seguir achegando ás persoas consumidoras pans elaborados coidando as materias primas, os tempos e cada unha das fases do proceso.

A cuarta Estrela DIR-Informática súmase así á traxectoria dunha panadaría compostelá que continúa medrando sen perder de vista aquilo que está na súa orixe: o produto, o oficio e as persoas que cada día confían no seu pan.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *