AD

Comarca

O Pino aproba as tarifas do abastecemento de auga, rede de sumidoiros e saneamento

today11 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD

• Afecta a preto de oitocentos abonados no municipio conectados a traída de auga municipal
• Establécese unha cota fixa mensual e unha tarifa por subministración e saneamento en función do consumo, e outra por conservación do contador

O Pino. 11-11-2025.- O Pleno da Corporación do Pino aprobou en pleno extraordinario as tarifas para o abastecemento de auga potable, rede de sumidoiros e saneamento daqueles fogares, negocios e industrias que están conectados á traída de auga municipal nas parroquias de Arca, Castrofeito e Cebreiro. Son uns 671 abonados de uso doméstico e outros 120 de uso non doméstico.

As tarifas aprobadas onte aplicaranse a partir do 1 de xaneiro de 2026 e contemplan unha tarifa fixa e outra polos metros cúbicos consumidos, tanto para a subministración coma para o saneamento e sumidoiros. A proposta foi aprobada cos votos a favor do equipo de goberno do PP e do BNG e a abstención do PSdeG. A ordenanza publicarase do BOP e estará a exposición pública durante 30 días naturais.

A ordenanza reguladora da prestación patrimonial de carácter público non tributario correspondente ao servizo de subministración de auga potable, sumidoiros e saneamento contempla tarifas diferencias para os abonados domésticos e non domésticos. As tarifas abonaranse trimestralmente.

No caso dos fogares establécese unha cota fixa mensual de 6 euros, e unha variable en función do consumo de 0,20 €/metro cúbico (para consumos de ata 6 m3/mes), de 0,40 € (de entre 7 e 15 m3/mes) e 0,80 € (máis de 15 m3/mes). Para abonados non domésticos (oficinas, negocios, industrias) a ordenanza establece unha cota mensual de 12 euros e unha variable de 0,40 €, 0,80 € e 1 euros para os mesmos tramos de consumo.

A conservación do contador terá unha cota de 1,50 €/mes para abonados domésticos e de 12,50 €/mes para non domésticos.

A tarifa de sumidoiros e saneamento aplicarase tamén en función do consumo de auga. A tarifa doméstica contempla un fixo mensual de 11 euros, e variable de 0,50 €, 0,70 € e 0,95 euros en función do consumo. Para abonados non domésticos os prezo son de 22 euros mensuais fixos e variables de 0,70, 0,95 e 1,30 euros para os tres tramos de consumo establecidos.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *