Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 octubre, 2025
O Pino. 29-10-2025.- A Corporación do Pino aprobou por unanimidade no pleno de hoxe cederlle unha parcela de 375 metros cadrados ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para que a Xunta poida construír vivenda protexida en Arca. Na sesión tamén se ratificou destinar a investimentos 227.000 euros do POS+ adicional 4/2025, reservando outros 31.000 euros para gasto corrente.
O alcalde Manuel Taboada, ratificou esta mañá no Pleno a intención do equipo de goberno do Pino de manter a súa aposta por construír vivenda de protección pública no municipio. Con este obxectivo, o Concello vaille ceder á Consellería de Vivenda unha parcela de titularidade municipal, de 375 metros cadrados de superficie e situada fronte ao antigo centro de saúde, na avenida de Lugo.
Esta parcela está pegada a outra de 240 metros cadrados que xa é propiedade do IGVS. Deste xeito, o Instituto Galego de Vivenda e Solo podería facer unha promoción de vivenda de protección autonómica cunha edificabilidade máxima de 1.306 metros cadrados, distribuídos en baixo, dúas plantas e baixo cuberta. Manuel Taboada explicou no pleno que con esta cesión, o “Concello vai favorecer que se constrúan unhas 15 vivendas de promoción pública no Pino, segundo cálculos da propia Xunta. Isto vai permitir que moitos xoves poida acceder á primeira vivenda ”, asegurou o alcalde.
O acordo foi aprobado por unanimidade.
Na sesión desta mañá tamén se aprobou o POS+ adicional 4/2025 da Deputación da Coruña, que lle asigna ao Concello do Pino 250.599,57 euros. A proposta presentada polo equipo de goberno contempla destinar 31.000 euros para gasto corrente e reservar os 227.599,57 para investimentos financeiramente sostibles para a execución de obras o vindeiro ano.
O Pleno extraordinario de hoxe tamén acordou modificar o convenio de ciberseguridade que o Concello asinou coa Deputación da Coruña.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)