Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 julio, 2025
• A festa que se celebra este sábado e domingo exalta a raza piñeira, símbolo do municipio, cunha xornada chea de concursos, premios, música e actividades para toda a familia
• A carreira de trotóns, a media maratón ‘Os 21 do Galo Piñeiro’ que conectará Arzúa e O Pino e unha concentración de vehículos clásicos son algunhas das novidades nesta edición
• Haberá obradoiros, degustación de galo piñeiro e o tradicional xantar popular
• O pregón correrá a cargo do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez
O Pino. 29-7-2025.- O Concello do Pino organiza esta fin de semana a XXIV Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar, unha cita declarada Festa de Interese Turístico de Galicia que mestura tradición, gastronomía, música, deporte e cultura nun ambiente pensado para toda a familia. A festa celebrarase o sábado día 2 e domingo 3 de agosto, cunha programación renovada que inclúe máis de 4.400 euros en premios na Mostra Cabalar, destacando a nova carreira de trotóns, que repartirá 450 euros para os cinco primeiros clasificados.
A programación comeza o sábado cunha das grandes novidades deste ano: a carreira Os 21 do Galo Piñeiro, que conectará Arzúa e O Pino por tramos do Camiño Francés. A proba, organizada polo Concello do Pino, inclúe unha cita principal de 21 km que sairá ás 19.30 h da capela da Madanela (Arzúa), e outra de 8 km que comezará ás 19.50 h desde a parrillada A Esquipa (O Pino). Ambas rematarán na praza do Concello.
Ás 20.00 h, a praza de Forcarei acollerá o concerto de Píscore xunto coa Banda de Música de Arca, nunha proposta artística que combina humor, percusión e música en directo. A noite pecharase ás 22.30 h co concerto-espectáculo de Queiman, que ofrecerá unha orixinal fusión de tradición celta e forza rockeira.
Feira de raza piñeira, artesanía e animación infantil o domingo
O domingo será o día grande da festa, coa apertura da Mostra Cabalar (09.00 h) e da XXIV Feira de Galos e Galiñas de Raza Piñeira (10.00 h), un espazo dedicado a exaltar esta especie avícola orixinaria do Pino, símbolo identitario do municipio. A feira busca recoñecer, conservar e difundir a importancia da raza piñeira, premiando os mellores exemplares de galos e galiñas vivas, así como animais de curral, e reforzando o compromiso do Concello coa súa protección e promoción.
Desde as 11.00 h, haberá pasarrúas coa Charanga NBA, apertura da feira Artesanía no Camiño e obradoiros demostrativos de bolillos, bordado ao aire, tornería, coiro ou xoguetes tradicionais e participativos de cerámica, pulseiras de coiro, pintura sobre tea.
Os máis pequenos poderán gozar da zona infantil con xogos xigantes, barca artesanal e espectáculos continuos de rúa co Mago Antón, Kinetiko e o Circo Chosco Távole (19.00 h).
Ás 13.00 h celebrarase a tradicional degustación gratuíta de galo piñeiro, que coincidirá coa sesión vermú de EME Music e o Dúo Ciclón, e coa entrega de premios da feira avícola.
O pregón oficial da festa, ás 14.30 h, correrá a cargo do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, José González Vázquez.
Coches clásicos e xantar popular
Como novidade, o domingo tamén se celebrará a partir das 11.00 h a I Concentración de Coches Clásicos e Históricos Festa do Galo Piñeiro, aberta a vehículos e motocicletas con máis de 35 anos.
Un atractivo máis que engadirá variedade á programación e atraerá público de todas as idades. Para participar na concentración é necesario inscribirse na casa da cultura ou no teléfono 981 511 065. O prazo para anotarse remata o 30 de xullo.
Ás 15.00 h celebrarase o tradicional xantar popular baixo a carpa situada xunto á praza de Forcarei. O prezo do menú é de 25 euros e os tiques pódense adquirir nos establecementos de hostalería do Pino ata o venres 1 de agosto. As entradas dispoñibles poranse á venda o mesmo domingo, 3 de agosto, no stand que terá o Concello do Pino na praza de Forcarei.
Mostra Cabalar e nova carreira de trotóns pola tarde
A partir das 17.30 h retomarase a actividade da Mostra Cabalar, que este ano repartirá máis de 4.400 euros en premios, incluíndo o Premio Especial Faísca ao mellor exemplar de Pura raza española (P.R.E.) nado e criado en Galicia, así como o Premio aos mellores movementos P.R.E..
Como novidade, inclúese unha carreira de trotóns, dotado con 450 euros en premios, que terá lugar ás 18.00 h, seguido de exhibición de enganche e da tradicional proba de arrastre.
Ás 20.00 h entregarase a totalidade de premios da mostra, antes do comezo do espectáculo ecuestre Pura Vida (20.30 h), que combinará doma, elegancia e arte a cabalo.
A edición 2025 da Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar pecharase ás 22.00 h na praza de Forcarei co musical Historia da Verbena, da man de La Oca Band, que ofrece un percorrido musical e audiovisual polas grandes cancións das verbenas galegas combinando narración, humor, baile e música en directo a cargo de nove artistas multiinstrumentistas.
A veciñanza e visitantes atoparán no Pino unha fin de semana chea de tradición, cultura, diversión e identidade local, cunha festa que mestura tres celebracións en unha: a Festa do Galo Piñeiro, a Mostra Cabalar e unha ambientación de inspiración celta, lembrando as orixes desta raza avícola que chegou a Galicia da man dos pobos celtas.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)