Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today30 abril, 2025
O Pino. 30-4-2025.- O departamento de Deportes do Concello do Pino organiza dúas actividades para festexar o sábado 17 de maio o Día das Letras Galegas unindo actividade física e cultura. A xornada comezará cunha andaina polo Camiño Francés ao seu paso polo municipio e, xa pola tarde, a cativada poderá desfrutar dun circuíto de xogos populares. Ámbalas actividades son gratuítas, aínda que se precisa inscrición para participar na andaina.
Camiñando coa Lingua é o nome da andaina que se desenvolverá no Pino o sábado 17 de maio, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas. O seu obxectivo é fomentar a práctica do deporte ao aire libre ao tempo que se fomenta o uso do galego entre as persoas participantes. O percorrido, duns 13 quilómetros, discorrerá entre A Calzada, no límite con Arzúa, ata a Casa da Cultura do Pino en Arca. Poden participar todas as persoas que o desexen, malia que se recomenda que teñan máis de doce anos por causa da distancia.
O Concello do Pino poñerá a disposición das persoas participantes un autobús gratuíto que sairá da Casa da Cultura ás 8.30 horas, para comezar a andaina ao redor das nove da mañá. A hora de chegada está prevista para as 12.30 horas.
As prazas están limitadas á capacidade do autobús. Por este motivo, é precisa inscrición no departamento de Deportes do Concello cubrindo o formulario que pode atoparse na páxina web ou no propio departamento de Deportes. O prazo de inscricións pecharase o luns 12 de maio ás 15.00 horas.
Pola tarde, o protagonismo terano as familias, que poderán desfrutar de diferentes xogos populares no pavillón de Reboredo entre as 17.00 e as 21.00 horas. A actividade, que contará con monitores, ofrece propostas como tiro á corda, sacos, bolos, rá, paracaídas, aro, chave, zancos, petanca ou jenca.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)