Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today3 agosto, 2025
O Pino. 3-8-2025.- O Concello do Pino celebrou esta fin de semana a XXIV edición da Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar, un evento declarado de Interese Turístico de Galicia que contou cunha alta participación veciñal e visitante, unha programación renovada e máis de 4.400 euros en premios.
A xornada principal tivo lugar o domingo, cun amplo abano de actividades dende primeira hora da mañá. A partir das 09.00 h abriu a Mostra Cabalar, e ás 10.00 h deu comezo a XXIV Feira Avícola de Galos e Galiñas de Raza Piñeira, cun total de 70 exemplares vivos participantes.
A animación de rúa correu a cargo da Charanga NBA e da Feira Artesanía no Camiño, que incluíu obradoiros participativos e demostracións de oficios tradicionais. A programación familiar centrouse na zona infantil, con xogos xigantes, barca artesanal e espectáculos do Mago Antón, Kinetiko e o Circo Chosco Távole.
Como novidade desta edición, celebrouse a I Concentración de Coches Clásicos e Históricos, que reuniu máis de 35 vehículos con máis de tres décadas de antigüidade, atraendo público de todas as idades.
Un dos momentos máis concorridos foi a tradicional degustación gratuíta de galo piñeiro. Ás 14.30 h celebrouse o acto institucional da festa co pregón a cargo do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, José González Vázquez, acompañado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, así como dos alcaldes de Oroso e de Ares (que participou na feira como criador) e de concelleiros e representantes dos concellos de Toques, Arzúa, Frades e Rois, aos que o alcalde do Pino, Manuel Taboada, agradeceu a súa presenza.
Certame avícola
No certame avícola, a criadora Carmen Barral destacou cun total de seis trofeos nas seguintes categorías: 1º premio galo piñeiro ancestral, 1º premio galiña piñeira ancestral, 2º premio galo piñeiro branco, 1º e 2º premio galiña piñeira branca e 1º premio galo de curral.
Carlos Magadán recibiu tres premios: 1º e 2º premio galo piñeiro silvestre e 2º premio galo piñeiro ancestral, mentres que o seu fillo, Lucas Magadán, tamén logrou tres galardóns: 1º e 2º premio galiña piñeira branca e 2º premio galiña piñeira ancestral.
Tamén foron recoñecidos o alcalde de Ares, Julio Iglesias (1º premio galo piñeiro branco), María Dosinda (2º premio galo de curral) e Juan Potel (3º premio galo de curral).
Ás 15.00 h tivo lugar o tradicional xantar popular, baixo carpa, cun menú centrado no galo piñeiro. Servíronse arredor de 200 kg de polo de curral entre as 1.500 persoas asistentes, que esgotaron as entradas anticipadas e boa parte das dispoñibles no día.
Pola tarde, a programación ecuestre continuou coa carreira de trotóns, exhibición de enganche, proba de arrastre e o espectáculo “Pura Vida”, seguido do musical “Historia da Verbena” a cargo de La Oca Band, que puxo o broche final á xornada.
Primeira xornada con novidades
A festa arrancara xa o sábado cunha das principais novidades: a media maratón “Os 21 do Galo Piñeiro”, que uniu Arzúa e O Pino por tramos do Camiño Francés, cunha participación de 200 atletas nas dúas distancias. e os concertos de Píscore e Queiman, que deron comezo á fin de semana festiva.
A Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar 2025 estivo organizada polo Concello do Pino, coa colaboración de Turismo da Deputación da Coruña, Xunta de Galicia, Agacal, Agadic, Fundación Artesanía de Galicia e ABANCA.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)