Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today3 marzo, 2026
O Pino. 3-3-2026.- O Concello do Pino presenta a programación oficial para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller, combinando a visibilidade institucional coa formación de base. O obxectivo do goberno local é promover a igualdade, reforzar a prevención da violencia de xénero e fomentar valores de respecto e coeducación entre a veciñanza, especialmente entre a mocidade.
Ao coincidir o 8M en domingo, o Concello concentrará os seus actos institucionais o venres 6 de marzo. Esa xornada será o punto de partida dunha campaña que chegará a todos os recunchos do municipio a través de cartelería e folletos informativos que se distribuirán en edificios públicos, centros educativos e establecementos comerciais.
Unha das pezas centrais da xornada do venres 6 será a instalación dun Espazo Informativo e Preventivo na entrada do centro educativo, que estará operativo de 09.00 a 12.00 horas. Este espazo, atendido por persoal especializado, non será unicamente un lugar de recollida de materiais, senón un punto de referencia para a cidadanía onde se ofrecerá: información clara sobre dereitos das mulleres e recursos locais e autonómicos; identificación de sinais de alerta en materia de violencia machista; e atención confidencial, respectuosa e non invasiva.
A educación como motor de cambio
O Concello do Pino entende que a igualdade real constrúese nas aulas. Por iso, durante todo o mes de marzo, desenvolverase unha programación coeducativa adaptada a cada nivel madurativo.
Así, en Educación Infantil traballarase a través do xogo e contacontos como Nin un biquiño a forza, ademais da creación dun mural colectivo baixo o lema Todas e todos somos iguais.
Tamén está incluído o obradoiro Camiñando cara á igualdade, no que os nenos e nenas colorearán pegadas de pés que se colgarán no árbore da Casa da Cultura, promovendo valores de igualdade e cooperación.
En Educación Primaria afondarase no recoñecemento das desigualdades, na identificación de estereotipos de xénero e na promoción do bo trato entre iguais. Para iso desenvolverase o obradoiros Igualdade no día a día, dinámicas participativas con xogos de clasificación e reflexión sobre o que ‘poden’ ou ‘deben’ facer nenos e nenas. e o visionado de curtas e vídeos educativos, seguidos dun diálogo guiado para favorecer o pensamento crítico.
O venres día 6, ás 13.00 horas, poderán gozar tamén da obra Travesía Unicornio de Teatro Ghazafellos, unha adaptación teatral do libro de María Canosa, gañador do Premio Anisia Miranda de teatro infantil. A obra, chea de humor e valores, mostra como un neno e o seu unicornio se atopan cunha xenia que lles axuda a escoitar e aceptar os desexos propios e alleos, rompendo roles tradicionais de xénero e promovendo a libre elección de intereses.
As actividades subirán de intensidade entre o alumnado de Educación Secundaria (ESO). Nestes cursos abordarase sobre todo a prevención da violencia nas redes sociais, o control dixital, a desmontaxe dos mitos do amor romántico e a promoción de masculinidades positivas’ por medio de talleres e espazos de diálogo.
Compromiso institucional
O Concello do Pino quere ser un referente en convivencia e igualdade polo que agradece a implicación da comunidade educativa e convida a toda a veciñanza a participar nesta campaña necesaria para construír un municipio máis xusto, equitativo e libre de violencias.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)