Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today14 octubre, 2026
A concelleira do Partido Popular de Santiago, Yolanda Otero, advertiu da situación que atravesan os Servizos Sociais municipais, onde, segundo a información trasladada polos representantes dos traballadores, as listas de agarda para unha primeira atención alcanzan actualmente entre dous e tres meses, cando o prazo non debería superar unha semana.
Otero explicou que esta situación foi abordada nunha reunión cos representantes do persoal do departamento, na que trasladaron a súa preocupación polo incremento continuado da demanda asistencial, a insuficiencia de recursos humanos e materiais e a sobrecarga de traballo que soportan os profesionais.
«Estamos falando dun servizo esencial, que atende ás persoas que máis o necesitan. Non podemos normalizar que unha persoa en situación de vulnerabilidade teña que esperar ata tres meses para recibir unha primeira atención», sinalou a concelleira popular.
A edil lembrou que Santiago superou os 100.000 habitantes e que o crecemento da cidade debe ir acompañado dun reforzo dos servizos públicos. Porén, segundo denunciaron os representantes dos traballadores, o departamento arrastra un cadro de persoal insuficiente, baixas e xubilacións sen cubrir e unha carga burocrática que dificulta a atención directa á cidadanía.
A esta situación súmanse outras demandas laborais relacionadas coa inestabilidade do persoal, a seguridade no exercicio das súas funcións, os desprazamentos non compensados, o sistema de rexistro horario e os riscos psicosociais derivados das condicións de traballo.
Especial preocupación pola atención ás persoas sen fogar
Yolanda Otero tamén fixo referencia á situación do persoal adscrito ao programa Sen Teito, que, segundo trasladaron os seus representantes, viña prolongando de maneira habitual a súa xornada laboral mediante horas extraordinarias non recoñecidas polo Concello, unha situación que levou os traballadores a decidir deixar de realizalas.
Neste contexto, a concelleira popular reclamou tamén aclaracións sobre o futuro do Centro de Inclusión e Atención para Persoas en Situación de Senfogarismo de Belvís, despois de que a licitación para a súa xestión quedase deserta.
Otero lembrou que o Partido Popular levou ao Pleno de setembro a situación dos Servizos Sociais municipais para reclamar ao goberno do BNG e Compostela Aberta que dote o departamento dos recursos humanos e materiais necesarios e abra unha vía de diálogo cos traballadores para atender as súas reivindicacións laborais e económicas.
«O Concello ten a responsabilidade de garantir unha atención social digna e de calidade. Para iso é imprescindible escoitar os profesionais, reforzar os equipos e dar resposta ás necesidades reais da cidadanía», concluíu Yolanda Otero.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)